O Concello de Pontevedra vai contratar por 5,5 millóns de euros a rehabilitación de 191.304 metros cadrados de firme en estradas de todo o municipio.
Será, segundo indicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "o maior contrato de rehabilitación de firmes da historia da cidade de Pontevedra".
Lores deu a coñecer o dato este xoves ao finalizar a reunión da Xunta de Goberno local, na que se deu luz verde á licitación do contrato por 5.494.531 euros.
Segundo indicou, trátase dunha actuación "integral" que supón unha "mellora substancial" dos viarios do municipio. En total, suporá actuar nunha superficie equivalente a 28 campos de fútbol.
Suporá actuar en estradas da zona urbana -tanto os barrios como o centro-, dos parques empresariais e das parroquias.
O alcalde contextualiza este contrato no obxectivo do actual goberno local de dar especial relevancia durante este mandato ao mantemento de espazos públicos. "Estámolo cumprindo", afirmou.
O alcalde anunciou que a intención é que esta rehabilitación estea xa en marcha "a inicios do ano que vén".
O prazo de execución, unha vez adxudicado o contrato, será de catro meses e medio.
OBSERVATORIO TURÍSTICO
O goberno local tamén aprobou na súa reunión deste xoves sacar a licitación un observatorio turístico por 72.970 euros.
O obxectivo é "recompilar, analizar e estudar" as características e posibles actuacións para o destino turístico de Pontevedra.
Os traballos terán un prazo de execución de 5 meses, segundo os datos facilitados polo alcalde.
CONEXIÓN PARQUE A TOMBA-A XUNQUEIRA
A Xunta de Goberno tamén aprobou este xoves a licitación dunha obra para a conexión entre o parque da Tomba e A Xunqueira da Gándara.
A actuación suporá un investimento de 178.500 euros e terá un prazo de execución de 3 meses.