O goberno local prorroga o contrato de Elsamex para o mantemento dos espazos públicos

Pontevedra
03 de xullo 2025

O contrato fora adxudicado en agosto de 2022 á empresa Elsamex por un montante de 726.000 euros anuais.

Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra
Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra / Cristina Saiz

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou a segunda prórroga, a última, do contrato de Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos ata o 23 de agosto de 2026.

O contrato fora adxudicado en 2022 á empresa Elsamex por un montante de 726.000 euros anuais.

Segundo informou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "haberá que sacar outro contrato para o ano que vén".

Esta actividade céntrase en manter no mellor estado posible os espazos públicos urbanos a través do coidado de mobiliario, pintado, pavimentos e outras estruturas singulares.

A intensidade do uso e as actividades habituais na rúa provocan a necesidade de ampliar os esforzos para manter e mellorar o estándar de calidade.

A empresa garante a presenza de tres brigadas con carácter permanente na rúa e un equipo de retén. Abordan traballos de carpintaría, ferraxaría e tratamento de metal, pintados, vernizados, atención de estruturas singulares como muros, peches e pontes.

A estes grupos de traballo súmanse, por outra banda, as actividades que tamén desenvolven as brigadas municipais.

A empresa Elsamex dedícase principalmente ao tratamento preventivo e correctivo nos espazos públicos tentando evitar que se rexistren incidencias, ao mesmo tempo deberán atender casos inusuais. Pola súa banda, as brigadas municipais encargaranse das emerxencias e das actividades que requiran inmediatez.

MANTEMENTO DOS COLEXIOS

Nesta mesma Xunta de Goberno aprobáronse outros dous contratos para os labores de mantemento dos colexios públicos da cidade (Educación infantil, Primaria e Gardarías).

Son obras que competen ao Concello de Pontevedra e que se adoitan acometer nos períodos non lectivos como son as vacacións de verán.

Trátase de dous lotes, por 100.000 euros cada un. O primeiro corresponde á zona Sur e foi adxudicado á empresa GPD e o outro lote é para os centros educativos da zona norte que asume Naturgalia.