"Cantas actividades caben nun verán?", Lores presume do programa de festas

Pontevedra
01 de xullo 2025
Actualizado: 14:06

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes o programa das Festas de Verán que inclúe máis de 300 actividades

O alcalde presenta o programa das Festas de Verán
O alcalde presenta o programa das Festas de Verán / Cristina Saiz

"Cantas actividades caben nun verán?", preguntaba este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "pois máis de 300", respondeu el mesmo co programa das Festas de Verán na man.

A cidadanía xa ten á súa disposición un quince mil exemplares deste programa cultural e festivo, que poden recollerse nas oficinas municipais de turismo, na da Deputación e na da Xunta así como no rexistro do Concello.

Segundo avanzou o alcalde, baixo o título de "Un tempo para gozar" o programa presenta "un abano de actividades que teñen por obxectivo: emocionar e sorprender" e asegurou que na Boa Vila "sempre hai algo novo para gozar".

A cidade convértese nun escenario vivo onde a rúa é protagonista e cada recuncho énchese de propostas para todos os públicos: concertos, cine baixo as estrelas, espectáculos infantís, actividades para a mocidade, tradicións e novas experiencias.

"Non esaxeramos cando dicimos que o de Pontevedra é un verán único", presumiu o rexedor, "descoñezo outra cidade do país" cunha oferta tan completa.

A maior expectación dentro deste programa xérana os concertos previstos para a "semana grande" das Festas da Virxe Peregrina que traerán á Boa Vila a Lendakaris Muertos, Marina Reche, Los Niños de Jesús (a banda de Jordi Évole), o rapeiro Khea, Rosario Flores, Paloma San Basilio, Ortiga, The Rapants o G5 (o grupo formado por Kiko Veneno, Muchachito, Tomasito, El Canijo de Jeréz e Diego Ratón).

Ademais Serafín Zubiri actuará coa Banda de Pontevedra, e haberá un concerto sorpresa que, por motivos contractuais, aínda non se pode desvelar.

Á marxe da actividade musical da Peregrina, o programa arranca o 4 de xullo coa Festa dos Libros na Praza da Ferrería e o Senda Fest na Illa das Esculturas coa participación de dezasete artistas de vangarda da música electrónica.

Todas as actividades do programa son gratuítas excepto tres que son de promoción privada: o concerto de Jennifer López e os festivais BigSound (con Juan Magán, Omar Montes, Abraham Mateo, Amaia ou Cali e El Dandee, entre outros artistas), e Río Verbena, (con Loquillo, Coque Malla, Andrés Suárez, Pignoise ou Efecto Pasillo, entre outros).

Inclúese un ciclo de Música de bandas, proxeccións de películas na rúa, a Romaría de San Bieito de Lérez, o Memorial que homenaxea ao gaiteiro Ricardo Portela, o ciclo de marionetas Titirivedra con distintas actuacións para público infantil e adulto, o festival internacional de Animación na rúa Itineranta, o festival folclórico ou as festas de Santiaguiño do Burgo.

A Alameda acollerá os concertos de Los Bengala, Helena Egea e Los Tiki Phantoms, entre outros. E o parque as Palmeiras acollerá o Animatrón con ludoteca, talleres e animación infantil que complementan os campamentos do Ponte Verán.

O ciclo "Con voz de muller" levará á Praza da Ferrería a Ugía Pedreira, Mercedes Peón, Ana Tijoux, Yoli Saa, Atenea García, Vero Rilo e Bouba Pandereiteiras. Mentres que o Festixeve inclúe os concertos de Treixadura e Sés.

Ademais, Pontevedra gozará do XXXI Festival internacional de Jazz e Blues cos concertos de John Németh, Litet Steg, Allo Negro, Verónica Swift e Robben Ford. E no recinto do miradoiro de Monte Porreiro desenvolverase o festival de música Urbana con John Pollón, Califato ¾, Hugo GZ e Rebeliom do Inframundo.

Á tradicional quedada do "Aquí cántase" súmase este ano o "Aquí bailase" que son actividades de promoción do canto e o baile tradicional que reúnen a un elevado número de persoas nas rúas e prazas do centro histórico.

O programa complétase coa Festa do Demo e a Feira Franca. Por suposto, tamén están presentes actividades concretas e tradicionais como a Batalla de Flores, a Xuntanza Premios Amigos de Pontevedra, a lectura do pregón ou a feira de artesanía A Chalana e do Mel.

Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez
Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez   Cristina Saiz