Silvia Intxaurrondo estará nunha Festa dos Libros de Pontevedra que homenaxeará a Yolanda Castaño pola súa traxectoria

Pontevedra
26 de xuño 2025
Actualizado: 15:09

"Case todos os que son alguén" nas letras galegas actuais como Arantza Portabales, Pedro Feijoo, Cristina Pato, Ulises Bértolo, Francisco Castro, Eva Mejuto ou Manuel Lourenzo, pasarán por Pontevedra

Presentación da oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra
Presentación da oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra / Mónica Patxot

Trece librarías da cidade e preto dun cento de autores participarán na oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra, que se celebrará na Praza da Ferrería entre os días 4 e 6 de xullo.

Presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, recitais, talleres ou actuacións musicais compoñen o programa de actividades, pensadas para todos os públicos.

A xornalista Silvia Intxaurrondo ou "case todos os que son alguén" nas letras galegas actuais, segundo o edil de Cultura, como Arantza Portabales, Pedro Feijoo, Cristina Pato, Ulises Bértolo, Francisco Castro, Eva Mejuto ou Manuel Lourenzo, pasarán eses días por Pontevedra.

Yolanda Castaño será, ademais, a autora homenaxeada este ano pola súa traxectoria "e por todo o que conseguiu para a literatura do noso país", como destacou Demetrio Gómez.

A Festa dos Libros está organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga.

A carpa da Praza da Ferrería permanecerá aberta ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:30 horas, agás o domingo que pechará media hora antes.

"É a festa na que hai que estar", subliñou o responsable da área municipal de cultura, que destacou o "esforzo" que fan as librarías da cidade por "achegar os libros á xente" e a programación de actividades "tan intensa" que se deseñou para esta edición.

As actividades da Festa dos Libros comezarán o venres 4 de xullo, ás 12:30 horas, cunha mesa de dinamización lectora coa bookstagramer galega Mónica Cores; Luz Pérez, integrante do podcast Entreliñas; Samuel L. París, creador do videopodcast literario A Catapulta, e Pilar Fernández Ruíz, directora da biblioteca pública de Pontevedra.

Xa pola tarde, ás 18:15 horas, o grupo Chévere, xunto coa editorial Kalandraka, presentará As fillas bravas de Momán, un libro que recolle os cantos e os saberes de tres mulleres afoutas e irredutibles que viven a súa utopía feminista na aldea de Momán.

E as 20:15 horas será a quenda de Solas en el silencio, o debut literario da xornalista e presentadora Silvia Intxaurrondo, cunha novela sobre o amor incondicional e a loita por sobrevivir a un destino xa escrito.

Como broche final desta primeira xornada, ás nove e media da noite, terá lugar a actuación musical Serán das Letras, a cargo da asociación Duos Pontes.

SÁBADO DE EMOCIÓNS E MISTERIO

O sábado haberá unha nova edición de Enfiando lecturas, promovida pola Libraría Paz, con Samuel Merino, co poemario Manual de camuflaxe; Xosé de Cea, co ensaio O que estou a dicir cando digo 'Altri non'; Laura Romero, autora da obra de divulgación A culpa foi de Zënzar. 35 anos de rock en galego; e María Besteiros, coa novela Ítaca.

Pola tarde, ás 18:15 horas, celebrarase un faladoiro arredor da literatura da emoción e da experiencia persoal, coa participación de Cristina Pato (Fóra de foco), Francisco Castro (Eva tomando o sol) e Cynthia Menéndez (Son coma glaciares os barcos de aceiro).

Ás 19.15 h será a quenda de NOIR, unha mesa arredor da novela negra e o misterio, tomará o relevo ás 19:15 horas con Arantza Portabales (Asasinato na casa rosa), Ulises Bértolo (Exitus) e Pedro Feijoo (Onde nacen as bestas).

E como peche da xornada do sábado, ás 21:30 horas, haberá un recital poético da man da Editorial Discursiva no que participarán V. F. (Réquiem), Juan Seoane (Celia) e Esperanza Arrondo (Mar diminuto).

UN DOMINGO DE HOMENAXES E CANTAREIRAS

O domingo abrirá coa actuación de Polo correo do vento: Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, un contacontos ilustrado con música, baseado no libro homónimo e dirixido a achegar a figura das homenaxeadas polo Día das Letras Galegas 2025.

Ás 12:30 horas será o vermú literario de Pinto e Maragota e, pola tarde, ás 18:15 horas, un faladoiro arredor das cantareiras e as Letras Galegas con Eva Mejuto (Sei cantar e sei bailar), Andrea Nunes (Somos pandeireteiras), Carlos Callón (Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega), Manuel Rico e Antón Santamarina (Eu non canto por cantar. Cancioneiro popular de Galicia), coa participación da cantareira Maite Casás.

A seguir, celebrarase unha das seccións fixas da festa: a homenaxe á traxectoria destacada, que nesta edición recoñecerá a poeta Yolanda Castaño, premio estatal de poesía en 2023.

Unha mesa centrada na literatura infantil e xuvenil con Antonio Manuel Fraga (Como escorrentar un lobo), Ramón D. Veiga (Maios e desmaios), Manuel Lourenzo González (De cando os animais tamén eran xente) e Diego Bará Louro (María Miramontes e Ánxel Casal) porá o peche a esta programación ás 20:15 horas.

Ao longo dos tres días haberá ademais numerosas actividades participativas organizadas polas librarías, sesións de lectura e sinaturas de libros nas casetas dos establecementos participantes, así como numerosas propostas destinadas ao público infantil.