O toque de atención que o goberno local de Pontevedra deu semanas atrás á empresa responsable das rozas no rural produciu efecto.
O goberno municipal denunciou publicamente que a compañía, Audeca, do grupo Elecnor, estaba a incumprir "flagrantemente" coas rozas e, tan só 12 días despois, agora constatan que "se puxo as pilas".
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, confirmou que, tras a denuncia pública, "púxose a traballar", de forma que a difusión desta queixa "fíxolle un favor aos veciños e as veciñas".
O goberno local denunciou a situación porque detectou que os traballos realizados polos operarios desta empresa eran "deficientes", que os traballos realizados non eran os que figuraban no prego de adxudicación e que estaba a xustificar rozas e traballos que non fixera, entre outras cuestións.
A SANTIÑA, "EN PRAZO"
César Mosquera deu conta dos asuntos abordados na comisión de mobilidade e infraestruturas e fixo referencia ás obras de reforma da Santiña, para as que se aprobou unha prórroga de catro meses.
Dada esa prórroga, as obras están "en prazo" e, nestes momentos, están a proceder a enterrar o cableado "a moi bo ritmo".
"Baixar os cables é francamente complicado", recoñeceu Mosquera, que indicou que "en pouco tempo van desaparecer os cables e postes que había na rúa".
CÁMARAS E SENSORES, "EN PROBAS"
Tamén se detivo a analizar a implantación das pantallas, cámaras e sensores instalados nos últimos meses para a medición da calidade do aire.
Están "practicamente rematados" e levan "en probas" un tempo, aínda que non terminou esta fase porque decidiron interrompela durante dúas semanas para non coincidir co Campionato do Mundo Multideporte de Pontevedra que se está celebrando estes días.
A previsión é que, durante os primeiros días do mes de xullo, rematen esas probas e xa poidan empezar a funcionar.