Desde sancións ou penalizacións ata, mesmo, a rescisión do contrato. É o castigo ao que se enfronta a empresa Audeca, pertencente ao grupo Elecnor.
Segundo o goberno municipal, a compañía está a incumprir "flagrantemente" coas rozas que debía facer en todo o rural pontevedrés.
O edil César Mosquera, que actuou este xoves como portavoz municipal, explicou que nas últimas semanas os técnicos detectaron que os traballos realizados polos operarios desta empresa eran "deficientes".
Audeca, que gañou ao principios de ano o concurso público para encargarse destas rozas, cunha oferta próxima ao medio millón de euros, seguiu coas "mesmas prácticas", segundo Mosquera, a pesar das advertencias previas realizadas desde o Concello.
Así, entre outras cuestións, o goberno municipal queixouse de que os traballos que estaban realizados non eran os que figuraban no prego de adxudicación, non empregaban a maquinaria comprometida ou deixaban os restos da roza nos viarios.
Máis grave aínda, engadiu o responsable de obras no executivo pontevedrés, é que "en moitos casos" a empresa estaba a xustificar rozas e traballos que non fixera.
Esta situación "non pode seguir", indicou o edil do BNG, que advertiu que o Concello actuará "con toda a firmeza que nos permite a normativa" contra estes incumprimentos.
As rozas comezaron o pasado mes de marzo e, até este momento, só se realizaron na parroquia de Salcedo e en parte das de Marcón e Lourizán.
"Agardemos que reaccione", sinalou César Mosquera, aínda que engadiu que a situación "non é moi esperanzadora", xa que o contrato con esta empresa é para dous anos.
A intención do goberno municipal era ter terminado a primeira roza de todo o rural no mes de xullo e, inmediatamente, comezar cunha segunda fase.
O Concello apostaba por realizar "dúas pasadas ao ano", tal e como estaba planificado no contrato que se adxudicou a esta empresa.