As parroquias do sur de Pontevedra, Tomeza, Lourizán, Salcedo e Marcón, foron obxecto dos primeiros traballos do novo contrato de rozas rurais do Concello.
Os traballos comezaron polas catro parroquias simultaneamente e en Salcedo e Marcón xa están moi avanzados.
A empresa adxudicataria iniciou hai unhas semanas as rozas no ámbito rural para ter controlada a maleza e a herba que invaden os camiños e vías municipais das 15 parroquias logo do paso do inverno.
Neste ano 2025, o departamento de rural, que xestiona María Xosé Abilleira, pon en marcha o novo contrato de rozas, que se adxudicou a finais do pasado ano por case medio millón de euros durante dous anos.
Unha vez que rematen con esta zona sur do concello, as rozas trasladaranse ás parroquias da zona norte. Unha vez que acaben de rozar as 15 parroquias, volverase a iniciar polas primeiras.
En total, limparanse arredor de 350 quilómetros de vías municipais, entre estradas e camiños. Prevese que os traballos estean rematados no verán, aproximadamente.
Unha das novidades do contrato é que todas as actuacións deben estar xeorreferenciadas, polo que ao remate se coñecerá con precisión a totalidade de vías nas que se ten actuado.
A empresa adxudicataria foi AUDECA S.L.U., que está a traballar cun equipo mecanizado cun tractor e outro equipo de limpeza a pé que se achega ás zonas máis inaccesíbeis e tamén recolle a roza dos ámbitos máis urbanos: campos da festa, beiravías, contornas dos locais sociais ou zonas de vivendas.
Seguindo as últimas tendencias, as rozas dos ámbitos máis forestais retíranse das vías, pero quedan no monte para que sirvan de nutrientes vexetais.
A concellaría está a facer un seguimento moi de preto do desenvolvemento do contrato para comprobar o resultado das limpezas e coa previsión de ampliar o número de efectivos se fose necesario.