O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, un concerto especial no que a Banda de Música de Salcedo e a Coral Polifónica da mesma parroquia unirán forzas para ofrecer unha homenaxe á lingua galega.
O evento, que comezará ás 12:00 horas, contará coa participación destacada do recoñecido director e actor Nani Matos, quen exercerá como narrador dunha versión en galego da obra "Don Quixote" do compositor Ferrer Ferrán.
Matos, que ademais de ser un actor de prestixio tamén forma parte da Banda de Música de Salcedo, será o encargado de poñer voz e dramatizar ao Cabaleiro Andante nunha adaptación especial traducida ao galego para a ocasión, contribuíndo así á visibilización e normalización da nosa lingua.
O programa do concerto está estruturado en dúas partes diferenciadas. A primeira correrá a cargo da Coral Polifónica de Salcedo, que interpretará un repertorio que percorre a evolución da lingua galega desde as súas orixes ata a actualidade.
Entre as pezas seleccionadas figuran "Signore d'elle cime" de Giuseppe di Marzo; "A Madre de Jesucristo" de Alfonso X; "Do mar pola orela", arranxo de Manolo Domínguez; e "O Maio", de Curros Enríquez con música de Emilio Batallán.
Tras a actuación coral e a interpretación da obra "Don Quixote", a Banda de Música de Salcedo renderá unha pequena homenaxe á poesía popular oral, personificada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, coa "Fantasía sobre tres temas galegos". Esta peza, que inclúe "Camariñas", "O Miudiño" e "O Candil", recolle tres das cancións máis emblemáticas da cultura popular galega, instrumentadas polo compositor estradense Simón Couceiro.
O concerto culminará con dúas estreas absolutas do compositor Carlos Rodríguez Torres: o pasodobre "Ecos Festivos" e a "Muiñeira das Croas", esta última inspirada no lugar do Castro das Croas, situado na propia parroquia de Salcedo.