Natalia Lacunza cancela a última hora o concerto deste domingo na Xunqueira

O Salnés
13 de agosto 2022

O escaso marxe de tempo impediu atopar unha alternativa para a velada do domingo. O Concello lamenta a situación e invita aos vilagarciáns a gozar do resto de concertos e numerosos espectáculos e actividades previstas no programa festivo para toda a semana

Natalia Lacunza Universal Music

A axenda festiva de San Roque acaba de ver caer do seu cartel o concerto previsto para este domingo 14 de agosto, o que ía a ofrecer Natalia Lacunza. 

A ex concursante de Operación Triunfo cancelou a última hora a actuación en Vilagarcía por "motivos de natureza persoal", segundo comunicou o seu representante. 

O escaso marxe de tempo dispoñible, apenas un día, impediu atopar unha alternativa viable para poder cubrir a espazo na axenda.

Nun comunicado emitido polo Concello informase deste imprevisto e sinala que "aínda non tendo responsabilidade algunha nesta situación sobrevida, a Concellería de Cultura lamenta moito a situación e prega desculpas aos vilagarciáns e aos visitantes que tiñan previsto asistir ao concerto".

Igualmente o Concello empraza a cidadanía a gozar as numerosas actividades que ten o programa de San Roque para todos estes días e tamén do resto dos concertos programados para todo tipo de públicos e nos que actuarán Barón Rojo, MClan, Elíades Ochoa, Joel Padín, Los del Pirata Cojo, A Xaiba, Serñora DJ, o Coro Liceo e a Banda da Cámara de Arousa ou Uxía Lambona e a Banda Molona. Iso, a maiores dos espectáculos do Festaclown, o Cine na Rúa, ou as verbenas.

A velada do domingo 14 de agosto parece estar marcada cunha cruz no programa das festas de San Roque 2022 xa que, como se sabe, o primeiro concerto previsto para ese día era o da cantante chilena Mon Laferte, que tamén cancelou a actuación hai unhas semanas por causas persoais.