Néboa meiga, premios e honras a Los Suaves elevan a gala número trece dos Premios Martín Códax

Pontevedra
28 de maio 2026
Actualizado: 9:03

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu unha cerimonia marcada polo simbolismo das supersticións e na que houbo premios para Galician Army, Stoned at Pompeii, Antía Muíño ou Hugo Guezeta

Premios Martín Códax da Música 2026
Premios Martín Códax da Música 2026 /

Vibrou o Pazo da Cultura de Pontevedra na entrega de galardóns da décimo terceira edición dos Premios Martín Códax da Música.

A cerimonia converteu o auditorio nunha paisaxe mística inspirada no patrimonio inmaterial de Galicia, as lendas e os rituais, mediante un deseño escénico asinado por Diego Valeiras que recreou néboas e elementos naturais.

A condución do acto estivo a cargo de Tero Rodríguez, mentres que o apartado sonoro combinou a solemnidade de Laura Lamontagne cos ritmos de verbena da Orquestra Neverloura.

A cita pechou o proceso de selección no que participaron arredor de 450 proxectos inscritos, cuxo veredicto final dependeu a partes iguais do xurado profesional e dos votos emitidos polo público e os asociados de Músicas Ao Vivo.

O broche da noite estivo protagonizado pola entrega do Premio Honorífico 2026 a Los Suaves.

Premios Martín Códax da Música 2026
Premios Martín Códax da Música 2026

Os integrantes da mítica formación ourensá subiron ao escenario para recoller o recoñecemento á súa traxectoria de máis de tres décadas no rock de mans de Xoán Allegue, presidente de Bodegas Martín Códax, e da xunta directiva da asociación organizadora.

PALMARÉS

A entrega de premios distribuíu os recoñecementos entre os diferentes estilos da escena musical galega.

O dúo Lula Mora, integrado por Sara Caride e Silvia Izquierdo, obtivo o galardón como Artista Emerxente 2026 grazas á súa proposta que fusiona canción de autora, folk e poesía.

Nas modalidades por xéneros, os proxectos premiados nesta edición foron os seguintes:

Rock e punk: Stoned at Pompeii

Blues, funk e soul: Allo Negro

Electrónica: Galician Army

Metal e heavy: Keepers

Canción de autor/a: Antía Muíño

Músicas urbanas: Hugo Guezeta

Orquestras e música de verbena: Lamatumbá

Pop e indie: Michu da Rocha

Jazz e músicas improvisadas: Xan Campos ("Amorodios")

Música infantil: Paco Nogueiras

Músicas do mundo e mestizaxe: Lidia India

Música clásica e contemporánea: María Mendoza

Música folk: Abril

Música tradicional: Carapaus

Bandas de música popular: Banda de Música Municipal de Celanova

Premios Martín Códax da Música 2026
Premios Martín Códax da Música 2026Cristina Saiz

Os galardóns Organistrum, dedicados aos axentes dinamizadores do sector, recoñeceron o espazo dixital Galicia en Concierto na modalidade de comunicación e difusión musical.

O premio para a mellor sala recaeu na Sala Capitol de Santiago de Compostela, mentres que o Festival Alternativo Millo Verde foi distinguido como mellor festival pola súa liña baseada na autoxestión cultural.

Durante o desenvolvemento do evento, os membros da actual xunta directiva de Músicas ao Vivo, que preside Sheila Patricia, comunicaron que esta edición pon fin ao seu período de xestión á fronte da asociación, anunciando unha remuda por parte dun novo equipo nos vindeiros meses.

No seu discurso de despedida, os portavoces do colectivo aproveitaron para sinalar a vixencia destes premios como escaparate da produción do país.

Ao tempo expuxeron as dificultades estruturais que afectan ao sector profesional, como a precariedade laboral e a esixencia de acadar unha maior contratación de bandas galegas e de mulleres nas programacións dos grandes festivais.

Durante a gala houbo reivindicacións en contra de Altri, de accións políticas por parte da Xunta e mostras solidarias coa poboación de Gaza criticando os apoios a Israel.