Neira Vilas, gañador do premio Otero Pedrayo 2013

Pontevedra
26 de xuño 2014

O xurado acordou por unanimidade este recoñecemento, destacando "que é o candidato de todos os cidadáns da cultura galega". O premio convócao cada ano unha das deputacións galegas, correspondendo o de 2013 á Deputación de Pontevedra

Xosé Neira Vilas, escritor e xornalista
Xosé Neira Vilas, escritor e xornalista / IES Manuel García Barros

Xosé Neira Vilas é a persoa galardoada co Premio Otero Pedrayo 2013. Así o acordou por unanimidade o xurado dos premios nunha xuntanza celebrada este xoves na Deputación Provincial de Pontevedra.

Con este galardón, que organizan cada ano de forma rotatoria as catro deputacións galegas e que nesta ocasión correspondeu á de Pontevedra, preténdese recoñecer o labor de persoas ou institucións que teñan realizado unha ⿿contribución eminente á cultura galega⿝, á promoción dos valores propios de Galicia ou as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da cidadanía e institucións de Galicia, así como recoñecer e honrar a memoria de persoas egrexias no campo das letras e o coñecemento.

O xurado considerou que Xosé Neira Vilas é merecedor deste recoñecemento por ser ⿿unha das figuras máis representativa das letras galegas actuais, pola súa inxente labor a prol da cultura galega; por ter contribuído ao longo de toda a súa vida a difundir a cultura e tradición de Galicia e por unir a xeracións durante anos entorno á nosa historia, á nosa lingua e á identidade e características propias⿝.

O presidente da Real Academia Galega e membro do xurado, Xesús Alonso Montero, realizou unha semblanza do autor, incidindo na súa valía e destacando que, a súa traxectoria vital fai del ⿿o candidato de todos os cidadáns da cultura galega⿝.

Ademais de Alonso Montero, formaron parte do xurado os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García Gómez e Anxo Lorenzo, respectivamente; os deputados de Cultura das Deputacións de Lugo e Ourense, Mario Outeiro e Avelino García, respectivamente; o vicerreitor de extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o investigador do CSIC Isidro García Tato; Felipe Senén López, técnico de Xestión Cultural da Deputación de A Coruña; o escritor Luis González Tosar, e o director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle Pérez, baixo a presidencia da deputada responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.