Nerea Cordeiro e Sabrina Fernández Casas, dúas pontevedresas no festival Intersección

Pontevedra
05 de outubro 2025

O festival Intersección é un espazo dedicado ao cinema de autor máis libre e ás novas linguaxes audiovisuais, cunha programación que aposta pola experimentación, a diversidade e o risco narrativo

Escena de 'Alboroque' de Sabrina Fernández Casas Festival Intersección

O festival Intersección, que se celebrou na Coruña ata este sábado 4 de outubro, contou cunha dobre presenza pontevedresa nas súas diferentes seccións.

Así, Sabrina Fernández Casas foi unha das seleccionadas para a sección Galicia, coa que o festival quere ser escaparate para o talento local e obras máis rupturistas.

Esta realizadora, nada en Suiza e formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, mostrou a obra Alboroque. O seu é un traballo que aborda o activismo ecolóxico e a eliminación de especies invasoras en Galicia, reflexionando tamén sobre emigración e territorio.

Nesta curtametraxe documental amosa como activistas organizan unha resistencia ecolóxica contra as plantas invasoras e a maleza descoidada que rodea os seus pobos en Galicia. As limas que utilizan para afiar as súas motoserras proceden dunha fábrica de metal de Suíza.

A través destes dous territorios desenvólvese unha narrativa inesperada, moldeada pola migración e o activismo ecolóxico, e que entrelaza o persoal co político.

Nerea Cordeiro, natural de Bueu, pola súa banda, foi unha das participantes en Galicia Expo, reservada para obras máis innovadoras e experimentais.

No marco da súa participación, presentou a curtametraxe Lugares de paso. Trátase dun proxecto que explora espazos e tránsitos humanos entre Madrid e Pontevedra relacionados coa práctica artística, combinando memoria e experiencia persoal.

A través do debuxo como recurso e a súa interacción coa escultura e o vídeo, Cordeiro analiza as conexións entre obra, espazo e espectador. Inspirado pola rede como modelo, reflexiona sobre a mobilidade, velocidade e flexibilidade nunha sociedade en constante transformación.

Intersección, o Festival Internacional de Cine de A Coruña, é un espazo dedicado ao cinema de autor máis libre e ás novas linguaxes audiovisuais, cunha programación que aposta pola experimentación, a diversidade e o risco narrativo.

Desde 2023 é ademais festival calificador para os Premios Goya.