A rodaxe de 'Marusía. Vientos de honor' sae da Escola Naval e espállase por Marín

Marín
14 de maio 2025

A serie que a productora Unicorn Content, en colaboración coa galega CTV, está a gravar para Telecinco, tivo este mércores unha xornada de rodaxe na Finca de Briz, que será un dos escenarios da trama

Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de Briz
Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de Briz / Concello de Marín

Tras semanas centrados na gravación dentro da Escola Naval de Marín, os equipos de rodaxe da serie Marusía. Vientos de honor están a repartirse en diversas localizacións de Marín.

Así, a serie que a productora Unicorn Content, en colaboración coa galega CTV, está a gravar para Telecinco, tivo este mércores toda unha xornada de rodaxe na Finca de Briz, que será un dos escenarios da trama.

A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, achegáronse ata o set de rodaxe para coñecer de primeira man como traballan os equipos de produción desta serie, protagonizada polos actores Lucía Jiménez e Alfonso Bassave.

A rexedora tamén puido manter un encontro con Fran Parra, o director, ao que lle deu moitos azos no que resta de rodaxe, así como a todo o equipo técnico, que só na finca xuntou a preto de 40 persoas traballando.

"Non hai nada máis emocionante que ver o pobo dun na pantalla", destacou a alcaldesa, que afirmou que en Marín "alegrámonos moito de poder ser unha paisaxe televisiva máis", sobre todo nunha serie "que se inspira na nosa universidade, que marca parte da nosa identidade".

Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de Briz
Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de BrizConcello de Marín

Ambientada na Escola Naval Militar, a serie, que tamén se está a grabar en diversas localizacións de Pontevedra, incluida a cidade de Vigo e as Rías Baixas, conta coa colaboración da Armada Española e combina nas súas tramas elementos de thriller, drama, amor, acción e misterio.

Marusía: Vientos de honor narra o comezo dun curso na Escola Naval Militar de Marín que está marcado polo suposto suicidio dunha alumna que deixou moitas preguntas sen resposta.

A actriz Lucía Jiménez interpreta a Teresa Ibarra, a recentemente nomeada comandante directora da escola, que non só se enfronta ás consecuencias do suceso, senón que, ademais, debe investigar as súas causas.

Para iso, vese obrigada a colaborar co tenente coronel Jorge Carvajal (Alfonso Bassave), encargado de esclarecer os feitos, cuxa presencia faille revivir traumáticos recordos e enfrontarse a uns conflitos internos que cría deixar atrás.

Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de Briz
Rodaxe da serie 'Marusía. Vientos de honor' na Finca de BrizConcello de Marín

Os actores Paloma Stewart, Edith Martín-Val e Carmen de la Vega, interpretan os papeis de tres alumnos de novo ingreso na Escola Naval que proceden de diferentes contornas sociais e con distintas motivacións, dispostos a labrarse un futuro na defensa naval.

Completan o elenco principal da serie Miquel Fernández, Álex Medina, Darío Loureiro, Arwent Martínez, Iria Orejudo e Nacho Nugo.