Aínda quedaba unha sorpresa para a gala Xacobeas en Concerto, que se celebrará o vindeiro venres 15 de xullo, a partir das 19:30 horas, na Praza de España de Marín.
Tras confirmarse que a actriz e cantante Beatriz Luengo ía substituír no cartel á ex Spice Girls, Melanie C., a organización anunciou que a artista canaria Nia Correia sumarase á nómina de estrelas para este espectáculo musical.
Nia Correia, gañadora de Operación Triunfo 2020, chegará a Marín para presentar o seu primeiro disco, Cuídate, un traballo no que fusiona a música latina cos sons urbanos.
Nos últimos meses editou cancións nas que colabora con artistas como Gente de Zona ou Edurne, que tamén estará na gala Xacobeas en Concerto.
O cartel deste evento, que forma parte da programación do Xacobeo 21-22 e é de entrada gratuíta, complétase con Tanxugueiras, Ana Mena, Mala Rodríguez, Ana Guerra, Eva B, Carolina Rubirosa, Yoly Sáa e Ainoa Buitrago.
A gala estará presentada por Patricia Pardo e Lucía Rodríguez. Será gravado en directo e, posteriormente, emitirase a través de dúas canles de televisión: Divinity e TVG.