Noites Abertas sorprende con 'El juego del calamar' entre as súas novas propostas

Pontevedra
04 de marzo 2022

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este xoves a programación para Noites Abertas, un conxunto de actividades de balde destinado á mocidade de entre 12 e 30 anos que se levará a cabo durante os meses de marzo, abril e maio

Unha das actividades de Noites Abertas
Unha das actividades de Noites Abertas

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este xoves a programación para Noites Abertas, un conxunto de actividades de balde destinado á mocidade de entre 12 e 30 anos que se levará a cabo durante os meses de marzo, abril e maio.

Oubiña lembra a cancelación da edición do 2020, que prometía ser a máis potente en canto a propostas e participación cidadá; así como a adaptación da normativa covid-19 e os obradoiros telemáticos na do 2021.

Este ano 2022, tentando superar as adversidades, vólvese á normalidade sen deixar de coidar a seguridade dos asistentes, segundo indican desde a concellería de Xuventude. As únicas actividades con inscrición previa son as visións astronómicas debido á reserva de asentos no bus. Ademais, agradecen poder recuperar os espazos outorgados polo Local de Música e o colexio Froebel.

O edil incide na necesidade de "apostar pola cultura, apostar pola dinamización xuvenil, polo encontro da mocidade", para o que se escoitaron as propostas de diferentes sectores da poboación: empresas, autónomos locais, asociacións, clubs e tamén de individuos e colectivos non formais.

Nesta aposta pola rapazada inclúese á autora da nova imaxe de Noites Abertas, Sara Ricoy, unha moza artista cuxo deseño reflicte a variedade de opcións dispoñibles na edición. En total, son 84 as actividades de diferentes eidos, desde o deporte, a arte ou a educación, para os intereses de cada persoa. Co obxectivo da súa realización, cóntase con 115 integrantes no monitorado e un orzamento de case 70.000 euros.

Na programación repítense actividades clásicas, como billarda, cestaría ou esgrima, nesta ocasión con sables de luz. Ademais, introducen a actualidade mediante o 'Xogo da Lura', unha adaptación máis segura da serie de moda. Tamén inician unha actividade proposta polo alumnado do IES Valle Inclán chamada 'A lámpada marabillosa': un espazo aberto na Casa Azul ao que se pode acudir sen plan previo para relaxarse ou improvisar no momento.

Grazas á colaboración da promotora de Igualdade, Andrea Campos, foméntase a formación en igualdade para aquelas persoas que o desexen. Así mesmo, Campos revisará as actividades para garantir un espazo seguro entre a xuventude asistente.

Outra colaboración para promover a participación é a da Asociación Down Xuntos, pola que as persoas con discapacidade intelectual poden solicitar acompañamento ás actividades.

O programa completo atópase dispoñible na páxina web e na conta de Facebook de Noites Abertas, así como no perfil de Instagram da concellería de Xuventude, onde irán recordando cada día as actividades a realizar.