Os nomes do mar protagonizarán a décima Xornada de Onomástica Galega da RAG en Pontevedra

Pontevedra
19 de setembro 2025

Na actualidade, os expertos alertan de que este tesouro cultural corre o risco de perderse polos cambios profundos que trouxeron a tecnoloxía da navegación e a industrialización da pesca

Un mariñeiro nun barco de pesca
Un mariñeiro nun barco de pesca / Xunta de Galicia

A décima edición da Xornada de Onomástica Galega, organizada cada ano en Pontevedra pola Real Academia Galega (RAG), estará dedicada aos nomes do mar. Será o próximo sábado 4 de outubro no Museo de Pontevedra.

Este seminario, segundo destaca a organización, dirixirá a súa mirada cara os nomes propios que hai ao longo dos preto de 1.500 quilómetros de litoral cos que conta Galicia, que chegan a 2.500 se se ten en conta o que rodea as súas illas, marismas e areais.

“Os pescadores coñecíanos ben, pois advertíannos dos perigos que podían representar as pedras baixo as augas ou dos lugares onde había abundancia de determinado peixe”, sinalan as coordinadoras das xornadas, as académicas Ana Boullón e Luz Méndez.

Na actualidade, os expertos alertan de que este tesouro cultural corre o risco de perderse polos cambios profundos que trouxeron a tecnoloxía da navegación e a industrialización da pesca.

Este encontro ofrecerá seis relatorios sobre a riqueza da microtoponimia das terras ribeiregas e nos nomes das áreas mergulladas, as realidades invisibles dos fondos mariños.

María Ángeles Piñeiro Antelo, especialista en análise xeográfica da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha intervención sobre a cartografía histórica como instrumento para o estudo da variación dos nomes do litoral ó longo do tempo.

Lucía López e Aarón Ferrari, da mesma institución, analizarán as características dos nomes dos barcos e das bateas nas Rías Baixas; e a profesora de ensino medio da Illa de Arousa Helena Domínguez García exporá a súa experiencia na recollida da talasonimia.

A xornada contará tamén con Xosé Lois Vilar, arqueólogo e especialista en nomes do mar, que proporá estratexias para a divulgación dos nomes do mar; e co mariñeiro Tito o Chirlo, que exporá un testemuño de primeira man sobre o seu caderno de marcas.

Por último, Xosé Manuel Dopazo Entenza, filólogo e investigador do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, compartirá a súa experiencia nas aulas de secundaria traballando cos nomes dos barcos.

Xurxo Souto poralle o ramo á cita coa actuación titulada A ruta de Ulises Fingal.

As persoas que desexen participar neste encontro divulgativo aberto a todo o público xa poden inscribirse na web da RAG ata o 30 de setembro.