Nova cita para a creatividade en galego dos mozos pontevedreses

Pontevedra
09 de febreiro 2016

O alumnado dos centros públicos xa poden participar na nova edición do Ben Veñas, Maio en calquera das súas diferentes modalidades ata o 15 de abril

XVI Certame Musical de Ben veñas, maio Diego Torrado

Os mozos pontevedreses xa poden participar nunha nova edición do certame Ben Veñas, Maio, unha cita ineludíbel para os Institutos de Educación Secundaria (IES) e os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dos centros públicos na que o alumnado pode explotar o seu potencial creativo en galego. Ata o 15 de abril, os interesados poderán participar en calquera das súas cinco modalidades, entre as que se repartirán un total de 3.075 euros.

O coordinador deste ano, Manuel Lourenzo do IES Luís Seoane, xunto co concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou este martes no Concello o cartel e as bases desta nova edición do Ben Veñas, Maio. Trátase dunha iniciativa que busca "sacar a lingua fora das aulas", tal e como declarou Oubiña, e que "axuda a ver a lingua galega como unha lingua propia e apta para calquera tipo de expresión artística" manifestou Lourenzo. 

As modalidades de banda deseñada e de narración curta chegan xa á súa XXIII edición. No primeiro caso, o tema será o uso e valoración das linguas e poderá utilizarse calquera tipo de técnica sempre en branco e negro; mentres que no segundo o tema será libre. 

De tema libre tamén será o certame de poesía, que alcanza este ano a súa XV edición, do mesmo xeito que a de fotografía. Neste caso, para participar as imaxes deberán versar sobre algún uso curioso do galego en pancartas, valos publicitarios, etc.; e tamén se deberá xustificar a elección da imaxe acompañándoa cun comentario explicativo. 

Os gañadores en calquera destas categorías recibirán un segundo premio de 75 euros e un primeiro de 150 euros, xunto cun lote de libros e un diploma en ambos os casos. 

A tradicional Semana Teatral realizarase durante o 4, 5 e 6 de marzo. Durante estes días, representaranse as obras de teatro elaboradas durante todo o ano nos diferentes institutos participantes. 

O certame musical terá o seu habitual encontro o 7 maio no Pazo da Cultura. Os grupos ou solistas interesados deberán interpretar dúas pezas musicais de calquera xénero. O único requisito é que todos os membros do grupo estean matriculados nalgún dos colexios pontevedreses. O premio nesta categoría constará dunha dotación económica de entre 150 e 400 euros. Haberá tamén un premio especial, no que se repartirán un máximo de 600 euros entre os membros do grupo.