Nova edición de Pontegal, con 600.000 euros para promover a actividade cultural

Pontevedra
06 de decembro 2021

As asociacións e entidades locais menores poderán solicitar actuacións dos grupos, artistas e compañías que estean inscritos no Catálogo de grupos Pontegal, que a Deputación promove a través da súa web e que reúne na actualidade a 1.235 artistas de diferentes disciplinas culturais

Xunta de Goberno da Deputación Deputación de Pontevedra

A  Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha unha nova edición do programa Pontegal, que busca promover que o tecido asociativo da provincia poida levar a cabo actividades no ámbito das artes e a cultura

De cara a esta nova edición, que se desenvolverá en 2022, a Deputación reservou para este programa un orzamento de 600.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou as bases que regularán a concesión das solicitudes, que poderán facer asociacións e entidades locais menores, para programar actuacións de grupos e artistas da provincia no seu territorio no vindeiro ano.

As asociacións e entidades locais menores poderán solicitar actuacións dos grupos, artistas e compañías que estean inscritos no Catálogo de grupos Pontegal, que a Deputación promove a través da súa web e que reúne na actualidade a 1.235 artistas de diferentes disciplinas culturais.

Animación infantil, audiovisuais, baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores e cantautoras, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos, grupos folk, grupos músico vocais, grupos pop rock, humoristas, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, outros folclores, pandereteiras, poetas, rondallas e compañías de teatro completan ese catálogo.

As solicitudes terán que presentarse cunha antelación de máis de 20 días naturais con respecto á data de realización da actuación a través do formulario dispoñible na Sede electrónica da Deputación.