PODCAST. 'Ultreia', unha peregrinación literaria á Compostela do século XII

Pontevedra
20 de marzo 2026

O lucense Francisco Narla acaba de publicar o primeiro título dunha triloxía "que cobre máis de mil anos de historia" do Camiño de Santiago

O lucense Francisco Narla é o autor de 'Ultreia'
O lucense Francisco Narla é o autor de 'Ultreia' / PontevedraViva

Abres as páxinas de 'Ultreia' e tras unha ilustración da península ibérica de 1117 e unhas dedicatorias, les: "Un peregrino saudaba Ultreia, e respondíanlle et Suseia, Santiago". Un bo desexo para a peregrinación que resulta aplicable de igual forma para a introdución ao público lector nesta novela.

Novela que firma o lucense Francisco Narla e que resulta ser o primeiro dos títulos dunha triloxía que continuará con 'Suseia' e 'Santiago'. Si, o Camiño e a cidade compostelá forman parte do elenco argumental que cobre "máis de mil de anos de historia do elemento vertebrador de Europa, dun Camiño que define, sen ningunha dúbida o noso presente aínda a día de hoxe".

Hai que desposuírse desta Catedral presente para situarse nun século XII cando "os peregrinos durmían na catedral, cociñaban na catedral... é dicir, non é o concepto que temos ao día de hoxe; de feito a catedral durante moi boa parte da súa historia estivo completamente aberta".

Sendo así, a posta en escena de 'Ultreia'; isto é, a súa presentación, tiña que ser nese enclave. "Sinto extremadamente agradecido porque, é verdade que esperaron a lela, eu creo que querían estar seguros de que non convertía a Catedral en algo estraño. E a pesar de que Gelmírez na miña novela sae mal parado, case parece Darth Vader, non só permitíronnos facer un percorrido, tamén subir ás cubertas da Catedral", comenta Narla.

Poñamos tamén nomes propios. Como o do bispo Gelmírez, a quen o autor redescubrió: "para min era o gran bispo, o impulsor, un tipo fantástico. Empezas a rascar a superficie e estamos a falar dun tipo que se vestía de cota de malla e non levaba espada porque dicía que era pecado, xa que sangrabas. Entón púñase unha maza no cinto e che despachurraba os miolos e xa non era pecado porque non saía sangue. Estamos a falar dun bispo que como Compostela tiña poucas reliquias ou pouca enxunlla, se baixa á diocese de Braga, ve que teñen unha chea de reliquias importantes e de peso naquel momento e lévallas a Compostela a sangue e lume".

Tamén hai outros nomes propios como os de Ilduara, Quirce,Triboulet, Zacarías... o vulgo. Imprescindibles nesta historia que se le con cinco sentidos, mérito do seu autor. "Cando usas os cinco sentidos nas túas descricións, transmites moito mellor as sensacións ao lector, o cal, fai que a novela teña máis potencia", explica no podcast 'Cara a cara'.

Francisco Narla é o pseudónimo de Francisco Javier Fernández Vázquez, aviador e escritor. Colabora en televisión, radio e pódcast. Ten publicado ensaio, poesía, relatos e novelas, até once antes da actual. En 2018 gañou o Premio Edhasa de Narrativas Históricas con 'Laín. El bastardo'.

Bo camiño, ou neste caso boa lectura. Non é intención, é afirmación.