Un novo festival chega a Poio polo Día de Galicia e estréase con Chimbala

Poio
10 de xullo 2025
Actualizado: 22 de xullo

'Senda do Mar' será un novo festival gratuíto de música urbana e comercial que forma parte do ciclo oficial Concertos do Xacobeo 2025. A cita terá lugar na emblemática contorna da Seca

Presentación do festival Senda do Mar de Poio
Presentación do festival Senda do Mar de Poio / Concello de Poio

O calendario festivo de Poio incorpora unha nova cita, o festival 'Senda do Mar', que se celebrará o 25 de xullo, Día de Galicia. 

Trátase dun festival gratuíto de música urbana e comercial que forma parte do ciclo oficial Concertos do Xacobeo 2025.

Para a súa estrea, contará como cabeza de cartel con Leury José Tejeda Brito, coñecido musicalmente como Chimbala, un cantante dominicano recoñecido como un dos principais intérpretes de dembow en América Latina.​​

A cita terá lugar na emblemática contorna da Seca, un espazo natural á beira do mar que se converterá nun gran escenario para celebrar a música e a cultura ao ritmo das últimas tendencias musicais.

O alcalde, Ángel Moldes, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentaron o cartel completo do festival, acompañados por André Vázquez, promotor do evento.

Ademais de Chimbala, estrela mundial do dembow e a música urbana latina, actuarán o coñecido DJ nacional Juanjo García, os artistas galegos Sote e Borja Solla e os Djs locais Arrow e Yago Rivas.

Senda do Mar é un evento gratuíto, con entrada libre ata completar aforo, e está pensado como unha gran celebración aberta a toda a cidadanía.

A organización aposta por unha proposta que mestura talentos internacionais e locais, apostando pola música como motor de encontro e festa no corazón das Rías Baixas.

O festival conta co apoio e patrocinio do Xacobeo, dentro da súa programación oficial de concertos para o verán 2025.