O Festival Internacional de Pontevedra Novos Cinemas, que clausurou a súa décima edición este domingo 14 de decembro cunha emotiva homenaxe ao cineasta Ángel Santos, prolonga a súa programación con dúas actividades formativas de balde.
Estas citas, dirixidas tanto a escolares como ao público xeral, terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra e pretenden reforzar a aposta do certame pola creación contemporánea e a formación de novos públicos.
A primeira das sesións será este mércores 17 de decembro, ás 10:30 horas, e contará cun encontro coa cineasta Coral Piñeiro.
Membro do xurado da Sección Ceres, Piñeiro presentará as súas curtametraxes Na pel da memoria e Dores, pezas que exploran a memoria histórica desde unha perspectiva íntima, o arquivo e os silencios herdados.
Ao día seguinte, o xoves 18 de decembro, tamén ás 10:30 horas, desenvolverase a sesión IFCinema: Dalva.
Trátase dunha acción formativa, realizada en colaboración co Institut français a través do seu programa IFCinéma. Vai centrarse na proxección e análise do filme Dalva, ofrecendo unha oportunidade para o estudo cinematográfico.
Ambas as dúas xornadas estarán presentadas por Suso Novás, director artístico do festival, quen guiará os asistentes a través destas propostas que subliñan a vocación de Novos Cinemas como espazo de descubrimento e reflexión.
Con estas propostas, o festival pecha definitivamente unha edición que promoveu a conversa como parte esencial da arte cinematográfica.