Novos Cinemas, Ambienta e o Cineclube colaborarán coas actividades dos Premios Feroz

Pontevedra
28 de maio 2024

O goberno municipal desenvolverá xuntanzas co tecido asociativo e cultural da cidade para que colaboren no intenso programa de actividades que, a partir do mes de outubro, conectará a industria audiovisual coa cidadanía. Os primeiros en aceptar este reto foron os representantes dos festivais e ciclos de cine

Xuntanza do goberno local con representantes dos certames audiovisuais de Pontevedra
Xuntanza do goberno local con representantes dos certames audiovisuais de Pontevedra /

Pontevedra quere que os Premios Feroz, que acollerá a cidade os anos 2025 e 2026, sexan o "mellor escaparate" para visibilizar o peso do sector audiovisual en Galicia e para situar a Boa Vila como referente dunha cidade "creativa, aberta e de vangarda".

Con ese fin, o goberno municipal desenvolverá xuntanzas co tecido asociativo e cultural da cidade co cinema como protagonista para que colaboren no intenso programa de actividades que, a partir do mes de outubro, conectará a industria audiovisual coa cidadanía.

Os primeiros en aceptar este reto foron os representantes dos festivais e ciclos de cine que se celebran en Pontevedra, o festival Novos Cinemas, a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ Ambienta e o Cineclube Pontevedra.

Todos eles, segundo informa o Concello, "mostraron un grande interese en sumarse a esta iniciativa" tras dialogar co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e os edís Anabel Gulías e Demetrio Gómez, responsables de promoción económica e cultura.

Durante as próximas semanas continuarán desenvolvéndose máis reunións informativas cos sectores cultural, empresarial, educativo, asociativo ou audiovisual.

O obxectivo é afondar no coñecemento da industria audiovisual e da creación e xerar sinerxías empresariais e económicas ligadas ao sector no marco da celebración dos premios.