Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival

Pontevedra
04 de abril 2017

#AULA é novo proxecto formativo que os organizadores do festival Novos Cinemas pon en marcha con motivo da súa segunda edición, que se celebrará na cidade de Pontevedra entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. Trátase dun programa de actividades para todas as idades que comezaron este mércores cun obradoiro dirixido polo cineasta galego Oliver Laxe

Presentación do programa formativo do festival Novos Cinemas
Presentación do programa formativo do festival Novos Cinemas / Mónica Patxot

#AULA é novo proxecto formativo que os organizadores do festival Novos Cinemas pon en marcha con motivo da súa segunda edición, que se celebrará na cidade de Pontevedra entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. Trátase dun programa de actividades para todas as idades que comezaron este mércores cun obradoiro dirixido polo cineasta galego Oliver Laxe.

O director de Mimosas está á fronte do obradoiro Correntes. Nel, Laxe guía a dez estudantes do campus na realización dunha serie de pezas audiovisuais que relacionen o Lérez coa súa contorna humana e que serán estreadas na segunda edición do festival.

Na súa presentación, explicou que este non é un obradoiro de formación "en sentido estrito" senón que busca que os alumnos "fagan películas que nos fagan máis sensibles e libres". Así, apostou por "tirarnos ao río e que sexa a corrente a que nos leve".

Oliver Laxe recordou que a súa formación comezou no campus de Pontevedra, un momento "clave" para el porque nesta cidade descubriu o cine de autor e as primeiras películas "con alma". Ademais, celebrou o paralelismo entre o seu xeito de vivir o cinema e o do festival porque "integra na cidade novas formas de facer cine e xera un sentimento de comunidade".

Este obradoiro forma parte do programa #AULACREAS2i, dirixido a estudantes universitarios. Pero Novos Cinemas aposta por un proxecto formativo integral que se completa cos programas #AULA+NOVOS (para poboación escolar)  e #AULAABERTA (para cidadanía adulta).

Ángel Santos e Suso Novás, responsables da organización de Novos Cinemas, explicaron que tanto a divulgación do cinema como a formación audiovisual da cidadanía deben ocupar un lugar relevante no proxecto final do festival.

Así, #AULA+NOVOS focalizará a súa atención na poboación escolar -que abrangue dende a educación infantil ata o bacharelato, apostando por una formación relacionada coa historia do cinema, con actividades nos centros educativos de Pontevedra; ou un obradoiro de solarigrafía, no que rapaces de oito a doce anos experimentarán coa ciencia óptica.

En #AULAABERTA, por último, o festival tenta ampliar o espectro cultural daqueles cidadáns adultos interesados na instancia cinematográfica.

O equipo do festival deseñou un seminario no que un cineasta de renome internacional, ao que se dedicará a sección retrospectiva de Novos Cinemas, compartirá a súa experiencia profesional con todas aquelas persoas interesadas no ámbito cinematográfico, interactuando e compartindo con elas experiencias e coñecemento.