Novos Cinemas súmase á programación de BDra Gráfica coa proxección de 'Mafalda' ou 'Corto Maltés'

Pontevedra
22 de maio 2025
Actualizado: 11:29

O programa desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra os días 23 e 28 de maio, cunha selección de títulos que conectan xeracións, contextos históricos e estéticas diversas

Fotograma da película 'Corto Maltés: A corte secreta dos arcanos'
Fotograma da película 'Corto Maltés: A corte secreta dos arcanos' / PontevedraViva

Este venres 23 de maio, haberá sesión matinal de cinema no Teatro Principal. A partir das 10.30 horas, proxectarase Mafalda, a película (Carlos D. Márquez, 1982).

A película, a primeira adaptación animada da célebre personaxe creada por Quino, abrirá unha nova colaboración no marco do programa do festival de banda deseñada BDra Gráfica. Neste caso, co festival Novos Cinemas

A colaboración entre Novos Cinemas e BDra Gráfica trae a Pontevedra un ciclo de proxeccións enmarcado en Fóra de campo, a sección do festival que expande a súa acción cultural durante todo o ano.

O programa desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra os días 23 e 28 de maio, cunha selección de títulos que conectan xeracións, contextos históricos e estéticas diversas.

O 23 de maio, despois da sesión matinal, haberá unha segunda cita, ás 20:30 horas, coa proxección de Corto Maltés: A corte secreta dos arcanos (Pascal Morelli, 2002), unha inmersión na Rusia revolucionaria a través das aventuras do icónico personaxe de Hugo Pratt, protagonista do cartel desta edición.

A terceira cita desta colaboracióin será o 28 de maio, ás 20:30 horas, cunha proposta que une cine, memoria e ilustración, a proxección de Morte dun ciclista (Juan Antonio Bardem, 1955), clásico do cinema español que cumpre 70 anos.

Esta proxección servirá como preámbulo para a presentación de Contrapaso. Mayores, con reparos, segundo volume do proxecto da autora Teresa Valero, quen estará presente no encontro.

A través desta obra, Valero revisita a España franquista desde a banda deseñada cunha ollada que mestura investigación e sensibilidade narrativa.