'O abecedario', un libro para aprender en galego

Pontevedra
25 de abril 2015

O libro 'O abecedario' é o primeiro dunha colección de vinte volumes destinados a nenos de cero a seis anos para que os profesores de educación infantil conten con material didáctico e educativo en galego

Presentación do 'O abecedario' no Concello de Pontevedra PontevedraViva

'O abecedario' é o primeiro libro dunha colección de 20 obras creadas e editadas pola MESA xunto coa concellería de normalización lingüística do concello de Pontevedra coa intención de fomentar a transmisión interxeracional da lingua galega.

Trátase dunha publicación pensada para nenos entre cero e seis anos que nace para cubrir a necesidade de material didáctico e educativo, que lle permita ao profesorado de educación infantil traballar en galego nas aulas, segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

A obra, que está pensada para o profesorado de educación infantil e os estudantes del grao e ciclo en educación infantil foi ilustrada por ÿscar Vilán para que os máis pequenos aprendan o abecedario grazas aos debuxos plasmados nas follas do libro. Ademais, este primeiro volume da colección vén acompañado por unha lámina do abecedario e un vídeo con música no que se cantan as letras do alfabeto.

A presentación do libro fíxose este venres 24 no Concello de Pontevedra por Demetrio Gómez, Marcos Maceira e Mónica Pazo, representantes da Mesa, para anunciar que este primeiro volume xa se está a distribuír e terá un prezo de nove euros.

Ademais, para dar a coñecer esta iniciativa e o seu primeiro libro, no mes maio, a concellería e A Mesa realizarán tres presentacións dirixida aos colexios e profesores de educación infantil no CEIP Cabanas de Salcedo o día 5, no CEIP Bieito de Lérez o día 19 e na Casa das Campas o 26 de maio. Todas as presentacións serán en sesión de tarde.

'O tempo', 'As cores', ' O corpo' ou 'A roupa ' son algunhas das demais obras desta colección que se irá editando coa colaboración de ilustradores galegos como Mariña Seoane, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández, Carlos Silvar, David Pintor, Manel Cráneo e Miguel Porto, entre outros.