O alumnado do IES de Cotobade conta nun vídeo a vida de Antonio Fraguas

Cerdedo Cotobade
16 de maio 2019

Ademais o IES de Cotobade constituíu unha nova Sociedade da Lingua para defender o futuro do idioma galego

Imaxe do video sobre Antonio Fraguas
Imaxe do video sobre Antonio Fraguas / IES de Cotobade

O alumnado do IES de Cotobade fixo un vídeo no que conta a vida de Antonio Fraguas, o autor homenaxeado o Día dás Letras Galegas deste ano 2019.

Este traballo audiovisual está feito a partir da obra de Carlos Morgade Martínez e das ilustracións e deseño de Beatriz Pérez Espiña e do seu alumnado, "seguindo os pasos do noso mestre Antonio dedicámoslle todos os nosos esforzos e agarimo".

Os ensaios, gravacións e montaxe correron a cargo de Carina Vales Rey.

SOCIEDADE DA LÍNGUA

Sendo aínda estudante de bacharelato en Pontevedra, Antonio Fraguas fundou en abril de 1924, á vez que outros compañeiros, a Sociedade da Lingua. A iniciativa plasmaba por primeira vez sobre o papel o seu compromiso co idioma propio, a lingua que aprendera no seu Cotobade natal e que mantería toda a vida. 

Noventa e cinco anos despois, o instituto da localidade rendeulle homenaxe o pasado sábado constituíndo simbólicamente unha nova Sociedade da Língua. No acto o alumnado do centro presentaron o manifesto "Desde Cotobade para o mundo", no que reivindican medidas para frear a perda da transmisión interxeracional do galego.

Alumnado, profesorado, familias e representantes de distintas institucións participaron na homenaxe a Fraguas do instituto do seu concello natal. 

No manifesto, o alumnado e as institucións asinantes animan ás familias cotobadesas, da comarca e de Galicia enteira a empregar o galego como primeira lingua cos seus, convidan a que todo tipo de organizacións e colectivos fagan tamén do galego a súa lingua de uso habitual e instan aos demais centros educativos de Galicia a que leven adiante iniciativas semellantes.