O Armadiña Rock completa o cartel da que anuncian como a súa edición "máis ambiciosa"

Poio
21 de xullo 2017

Heredeiros da Crus, Talco e Def con Dos serán os cabezas de cartel dunha nova edición do festival Armadiña Rock que, como destacan os seus organizadores, será a "máis ambiciosa" da súa historia. Celebrarase en Combarro os días 25, 26 e 27 de agosto

Armadiña Rock
Armadiña Rock / Diego Torrado

Heredeiros da Crus, Talco e Def con Dos serán os cabezas de cartel dunha nova edición do festival Armadiña Rock que, como destacan os seus organizadores, será a "máis ambiciosa" da súa historia. Celebrarase en Combarro os días 25, 26 e 27 de agosto.

Organizado pola asociación local Armadiña, celebra a súa novena edición, coa que se pretende que o festival continúe a medrar e a afirmarse como referente no panorama musical.

Á edición do pasado ano asistiron 18 000 persoas, o que o está a converter nun dos festivais galegos de referencia.

Xunto os tres principais grupos, subirán ao escenario do Armadiña Rock: Ruxe Ruxe, Bala, Blues do País, Kitai, Brinkadelia Troupe, The Soul Breakers, Fanfarria Taquikardia, Carla Green & The Demons, DeLombaos, The Skarnivals e Leo i arremecaghona.

A programación que ofrecerá o Armadiña Rock non incluirá unicamente actividades musicais. O público participante tamén poderá asistir a conferencias, gozar de teatro de rúa e de embarcacións tradicionais ou achegarse ao Armadiña Kids, un espazo que ofrecerá actividades destinadas ao público familiar.

O festival é de balde e disporá dunha zona de acampada que contará con todos os servizos necesarios e que estará situada a carón do mar a 1,5 quilómetros de Combarro, centro neurálxico do festival e unha das vilas con máis encanto de Galicia.

A menos dun mes da celebración do evento, as previsións indican que se superarán as 15.000 persoas en dous días e que na zona de cámping se instalarán unhas 3.000 persoas.