O Armadiña Rock suma a Triángulo de Amor Bizarro, High Paw & Elephants Yard e Balkan Bomba

Poio
29 de xuño 2019

O festival Armadiña Rock segue a sumar bandas ao cartel da súa undécima edición, que terá lugar en Combarro os días 23, 24 e 25 de agosto. Os organizadores confirmaron o nome de tres novas bandas que subirán ao seu escenario

Triángulo de Amor Bizarro
Triángulo de Amor Bizarro / PontevedraViva

O festival Armadiña Rock segue a sumar bandas ao cartel da súa undécima edición, que terá lugar en Combarro os días 23, 24 e 25 de agosto. Os organizadores confirmaron o nome de tres novas bandas que subirán ao seu escenario.

Trátase de Triángulo de Amor Bizarro, High Paw & Elephants Yard e Balkan Bomba. Os tres súmanse ás bandas xa confirmadas: NAO e Bastards On Parade.

A organización apostará por unha ampla mestura de xéneros, entre eles, rock, ska, punk, soul ou reggae, achegando así as diferentes formas da cultura musical á vila de Combarro.

Triángulo de Amor Bizarro é unha das grandes apostas desta edición. Os de Boiro son unha das bandas máis prestixiosas do rock alternativo do Estado. O seu estilo persoal con ritmos frenéticos enche os festivais máis importantes da península.

High Paw & Elephants Yard serán as encargadas de poñerlle o punto reggae ao festival. High Paw é unha das artistas galegas máis prometedoras, a cal se xuntará coa experiencia dos Elephants Yards. Virán á Praza da Chousa para facer gozar ao público coa voz desta “singjay” viguesa, que tamén aportará un punto soul ao festival.

Por último, mesturando o ska, rock e folclore da Europa do este, chegarán a Combarro desde Toledo os Balkan Bomba, banda que cambiou os campos de fútbol polos escenarios, espallando festa por onde pasan.