Armadiña Rock, un festival artesán que tras once anos aínda trae novidades

Poio
16 de agosto 2019

Este venres presentouse a undécima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia na praza da Rualeira de Combarro, o festexo celebrarase do 22 ao 25 de agosto  

Presentación da undécima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia
Presentación da undécima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia / ACDeM Armadiña

Este venres presentouse a undécima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia na praza da Rualeira de Combarro, o festexo celebrarase do 22 ao 25 de agosto.

O vicepresidente da Asociación Armadiña, Xosé Rial agradeceu os apoios do Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra así como tamén os patrocinadores privados, destacando que "o Armadiña Rock é un festival artesán" e que "tras once anos aínda trae novidades".

Entre elas destaca que por primeira vez haberá pregoeiro do festival, trátase do artista compostelán Xosé Constenla, o cal ten ligazóns familiares na vila mariñeira.

O Festival tamén traerá actuacións de "Circo na Chousa", un Armadiña Kids onde incorpora skate e graffiti, así coma conferencias e coloquios sobre a música os festivais e a mensaxe revolucionaria. Súmase a IV edición ao Concurso de decoración mariñeira para engalanar o casco histórico de Combarro.

En canto ao cartel estará conformado por Dubioza Kolektiv, Heredeiros da Crus e Triángulo de Amor Bizarro, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno, Nao, Bastards on Parade, Balkan Bomba, High Paw e Los Jinetes del Trópico.

As sesións vermús realizanse na praza da Rualeira de Combarro e contarán con Falperrys e Ukestra do medio. Haberá por primeira vez unha zona lounge para amenizar a tarde da man de Beti de la Church. Na sesión de tarde estará The Testas’Van e Sote.

Brassica Rapa, Os Queimatasas, Pinguela Terra de Montes, Banda do Patio, Pandeireteiras de Ronsel e Armadiña serán as encargadas de levar a música por todo Combarro.

Pola súa banda o alcalde de Poio Luciano Sobral amosou a súa satisfacción polo crecemento do Armadiña Rock, lembrou a importancia que ten para o municipio e rematou animando a asistencia ao festival, pronosticando unha gran afluencia de público.