O certame audiovisual Curtas Armadiña ofrece tres obradoiros gratuítos de formación

Poio
21 de outubro 2019

Estes cursos van destinados a persoas maiores de 16 anos. Na programación tamén se recolle un espectáculo formativo para menores. Todas as actividades van celebrarse no Fogar Armadiña de Combarro, no municipio de Poio 

Cartaz da V edición de Curtas Armadiña
Cartaz da V edición de Curtas Armadiña

A quinta edición do Festival Curtas Armadiña, que se desenvolverá entre o 11 e o 17 de novembro no municipio de Poio, ofrece este ano tres obradoiros de aprendizaxe de carácter gratuíto destinados a persoas maiores de 16 anos. Tamén levará a cabo un espectáculo formativo para escolares.

As actividades está previsto que se realicen no Fogar Armadiña de Combarro. O luns 11 de novembro vai levarse a cabo un obradoiro titulado 'Quero producir!' no que se analizan os aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun traballo fílmico. Comezará ás 18.00 horas e estará dirixido por Laura Doval, social media manager e socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación da película 'Dhogs'. 

O martes 12 de novembro, a partir das 18.00 horas, chegará Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución para ofrecer os seus coñecementos sobre introdución ao audio para ficción. As persoas que asistan poderán realizar o deseño de captación e  postproducción dun guión dun proxecto de ficción.

Por último, o mércores 13 de novembro, o actor Xosé Manuel Esperante, coñecido actor de longa traxectoria teatral e audiovisual, dirixirá a partir das 18.00 horas o taller  'Que non te píllen actuando!' onde se realizarán reflexións e prácticas para analizar o traballo interpretativo no cinema. Aos asistentes recoméndaselles acudir con roupa cómoda.

As inscricións para os tres talleres pódense realizar a través do correo: [email protected] indicando o título do taller, o nome completo da persoa solicitante, a data de nacemento e o número de teléfono. Establécese un máximo de 15 prazas por curso e a selección realizarase por orde de chegada.

Pola súa banda, a narradora Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo 'Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cinema'. Trátase dunha montaxe que combina a narración, o teatro e o cinema. Será o 14 de novembro a partir das 18.00 horas sen necesidade de solicitar inscrición previa.