Intensidade vocal e estilo propio son as principais características do vocalista DeRobert Adams, que na noite deste martes fixo vibrar ao público que volveu encher a praza da Ferrería para seguir o penúltimo concerto do 25 aniversario do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.
DeRobert Adams, acompañado pola súa banda The Half Truths, mostraba o seu propio estilo aos espectadores pontevedreses, o Nashville Soul, no que as letras das composicións cobran especial importancia polas súas referencias á pobreza e á loita social.
Este mércores finalizan os concertos de jazz na praza da Ferrería coa actuación da gran estrela desta edición. O cantante e compositor norteamericano Gregory Porter subirá ao palco ás 22.30 horas para asombrar coa súa presenza escénica e coa súa atractiva voz. Actualmente está considerado o máis destacado vocalista e compositor de jazz e de soul da súa xeración, segundo a revista especializada DownBeat. Quen o ten visto en directo di que hipnotiza co seu timbre vocal. O seu repertorio percorre desde a música tradicional afroamericana ata o rythm&blues pasando polo jazz máis clásico.