O Cineclube pecha tempada en Pontevedra con películas de Jacques Tati e o chinés Hu Bo

Pontevedra
29 de maio 2019

Dúas películas do director francés Jacques Tati, unha das grandes referencias do cinema francés do século XX, formarán parte da programación coa que o Cineclube Pontevedra pechará esta tempada. Xunto a el, tamén se proxectarán pezas dos alemáns Wolf- Eckart Bühler e Manfred Blank ou do malogrado realizador chinés Hu Bo

Fotograma da película "Playtime"
Fotograma da película "Playtime" / Jacques Tati

Dúas películas do director francés Jacques Tati, unha das grandes referencias do cinema francés do século XX, formarán parte da programación coa que o Cineclube Pontevedra pechará esta tempada. Xunto a el, tamén se proxectarán pezas dos alemáns Wolf- Eckart Bühler e Manfred Blank ou do malogrado realizador chinés Hu Bo.

Mon Oncle, rodada por Tati en 1958, será a primeira proxección. O público pontevedrés poderá gozar desta película, Óscar á mellor película de fala non inglesa, o martes 4 de xuño, ás oito e media da tarde no Teatro Principal.

Nela, a chegada do seu tío revoluciona a vida dun mozo que vive cos seus pais nunha vivenda ultramoderna e provista dos máis avanzados electrodomésticos, entrando nun mundo cheo de soños e fantasía.

A segunda película do director francés que ofrecerá o Cineclube, neste caso, o martes 18 de xuño, será Playtime. Mostra as vivencias cómicas dun grupo de turistas neoiorquinas que están de visita en París durante 24 horas. Do mesmo xeito que a anterior, esta cinta proxectarase en versión orixinal e con subtítulos en castelán.

Entre ambas, o mércores 12 de xuño, ofrecerase a película alemá Pharos of Chaos, dos directores Wolf- Eckart Bühler e Manfred Blank, en colaboración coa Filmoteca de Galicia. Trátase dun documental que descobre a figura do actor Sterling Hayden que, ademais, foi un experto mariñeiro que chegou a comandar barcos con axuda para os partisanos de Iugoslavia.

O Cineclube despedirase ata o outono coa proxección, o mércores 26 ás sete da tarde, da película An Elephant Sitting Still, que nos traslada a unha cidade do norte de China que está sumida nunha néboa perpetua e na que un altercado entre dous adolescentes alterará a vida de catro persoas, vítimas do egoísmo familiar e da violencia social.

O seu director, Hu Bo, era unha das grandes promesas do cinema chinés, formadas na Escola de Cinema de Pequín. Suicidouse pouco antes da estrea da súa primeira longametraxe que chegou a ser premiado no último festival de cinema de Berlín.