O Cineclube retoma a programación no Teatro Principal

Pontevedra
03 de setembro 2021

Por diante, un mes cargado de cinema actual, de filmes que emocionan: o humor absurdo de Quentin Dupieux; a mirada de Clarisa Navas sobre o barrio correntino de Las Mil e sobre como as amizades axudan a artellar unha resistencia queer na periferia; o delicadísimo western de Kelly Reichardt sobre as orixes dos Estados Unidos; e un pequeno foco sobre o inmenso mestre Tsai Ming-Liang, que inclúe a proxección da súa última grande obra.

Fotograma de "Rizi", de Tsai Ming-Liang

Chega setembro e canda el o Cineclube de Pontevedra retoma a programación no Teatro Principal. Por diante, un mes cargado de cinema actual, de filmes que emocionan: o humor absurdo de Quentin Dupieux; a mirada de Clarisa Navas sobre o barrio correntino de Las Mil e sobre como as amizades axudan a artellar unha resistencia queer na periferia; o delicadísimo western de Kelly Reichardt sobre as orixes dos Estados Unidos; e un pequeno foco sobre o inmenso mestre Tsai Ming-Liang, que inclúe a proxección da súa última grande obra.

O luns 13 de setembro ás 20:30 horas está programada no Teatro Princiapal unha sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia para ver a película "Goodbye, Dragon Inn", dirixida por Tsai Ming-Liang, en versión orixinal subtitulada en español.

O martes 14, á mesma hora, poderase ver o filme francés "Mandibules" de Quentin Dupieux e a seguinte semana, o martes 21, a coproducción arxentino-xermana "Las mil y una", de Clarisa Navas.

Para o luns 27 está programada outra sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia para ver en chinés "Rizi", de Tsai Ming-Liang, intencionadamente non foi subtitulada, por desexo expreso do director.

E por último o martes 28, sempre ás 20:30 horas e no Teatro Principal, pecha a programación de setembro a película "First Cow", de Kelly Reichardt que foi subtitulada en galego por Numax, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Avalon.