O concerto de Nadal de Xeración Sónica cambia de escenario para celebrarse este venres na Sala Karma

Pontevedra
22 de decembro 2022

A cita musical, situada dentro do programa da concellaría de Xuventude, é unha oportunidade única para coñecer o novo e futuro talento artístico da cidade. Comezará ás 19.30 horas deste 23 de decembro, na sala de concertos situada na rúa Marqués de Riestra, con entrada de balde

Concerto da Xeración Sónica
Concerto da Xeración Sónica / Mónica Patxot

Un ano máis chega até a Boa Vila, por quinto ano consecutivo, o proxecto ao vivo de Xeración Sónica, para felicitar as festas de Nadal e facer bailar a todo aquel que se achegue.

Un xeito de coñecer novas e emerxentes bandas, novos talentos e futuros músicos da cidade do Lérez. Xeración Sónica forma parte do programa da Concellería de Xuventude de Pontevedra onde mozas e mozos de 13 a 17 anos amosan os seus proxectos musicais conxuntos.

Este 23 de decembro, a partir das 19:30, a Sala Karma —por mor da previsión meteorolóxica o concerto muda de ubicación desde a praza de Ourense— abrirá as súas portas para dar conta do traballo realizado polos participantes das edicións anteriores, que será publicado en tódalas plataformas baixo o nome de X- Sónica, para acto seguido comezar a descubrir o gran talento da xente máis nova da cidade.

O obxectivo deste espectáculo é presentar as novas bandas que se incorporaron nesta última edición, cargado de novos talentos e novas propostas musicais de tódolos xéneros e formas. Neste evento de balde e aberto para todos os públicos a veciñanza e visitantes poderán coñecer as novas agrupacións creadas apósd unha experiencia de anos de éxito tocando en directo, gravando e publicando contido de seu.