O conservatorio Manuel Quiroga reabre as súas portas para dar inicio a un novo curso

Pontevedra
24 de outubro 2014

Preto de 600 alumnos cursan os seus estudos musicais no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. E este xoves foi un día especial para eles. Deu comezo oficialmente un novo curso

Inicio de curso no conservatorio de música Manuel Quiroga
Inicio de curso no conservatorio de música Manuel Quiroga / Diego Torrado

Preto de 600 alumnos cursan os seus estudos musicais no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra. E este xoves foi un día especial para eles. Deu comezo oficialmente un novo curso. Foi durante o transcurso dun acto que serviu ademais para pechar a programación coa que se conmemorou, durante o último ano, o 150 aniversario deste centro de ensino.

Durante esta inauguración oficial de curso, presentouse o libro conmemorativo Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga, editado pola Deputación provincial. Trátase dunha publicación que recolle a historia do que é un dos conservatorios máis antigos de España.

Ademais inaugurouse unha exposición con documentos históricos sobre o conservatorio Manuel Quiroga, ao tempo que se celebrou un concerto da banda de música da Escola Naval Militar de Marín.

Entre as autoridades presentes atopábanse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez; ou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal.

O conservatorio Manuel Quiroga, fundado en febreiro de 1863 e dependente da Xunta de Galicia, é o terceiro da comunidade en número de docentes e alumnado e o primeiro en canto a especialidades ofertadas.