O Día das Letras Galegas 2019 estará dedicado a Antón Fraguas, un intelectual de Cerdedo-Cotobade

Pontevedra
07 de xullo 2018
Actualizado: 17:11

O pleno da Real Academia Galega acordou este sábado dedicarlle o vindeiro 17 de maio. O autor estudou bacharelato en Pontevedra, unha etapa decisiva no rumbo que seguiría na etapa universitaria en Santiago de Compostela onde ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala

Antón Fraguas
Antón Fraguas

Antón Fraguas será o intelectual galego protagonista do Día das Letras Galegas de 2019, sucedendo á figura da escritora María Victoria Moreno. Decidiuno este sábado o pleno da Real Academia Galega (RAG) na sesión ordinaria celebrada na sede da institución na Coruña.

Fraguas, naceu en Loureiro, no Concello de Cerdedo-Cotobade en 1905, e destacou por ser membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) durante a súa xuventude.

Trátase dun historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e narrador oral de notable traxectoria, ademais dun intelecutal cunha popularidade destacada. Dedicou a súa vida ao estudo da cultura e ao coñecemento do territorio galego, con especial atención á antropoloxía.

Estudou bacharelato en Pontevedra, unha etapa fundamental para a súa traxectoria posterior. O seu ingreso na Real Academia Galega levouse a cabo en 1956 co discurso 'Coplas que se cantaba nas ruadas de Loureiro de Cotobade'. Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.

Falecía en Santiago de Compostela en 1999 e foi un defensor do galego como lingua de expresión, válida para calquera coñecemento, unha idea que a Real Academia Galega destaca como unha reivindicación que segue a ser necesaria na actualidade.

Con Antón Fraguas, a RAG reivindica, segundo o seu presidente, "a memoria, a cultura e a lingua do pobo", debido a que, en palabras de Víctor F. Freixanes, foi "unha das persoas que máis tempo dedicou a recoller, sistematizar e coñecer esta riqueza".

O académico que encabezou a candidatura gañadora, Francisco Díaz-Fierros, erixiu ao historiador e xeógrafo como unha "figura do galeguismo", referente "xa non só polo seu talante ético de defensa permanente do galego, senón pola súa capacidade de transmitir estes sentimentos a todo o mundo".

Ademais, destacou os máis de 300 libros e traballos que desenvolveu Antón Fraguas, unha "obra importante e de densidade" na que mostrou un galego "tan particular, tan auténtico, tan sinxelo e tan cariñoso que non houbo ninguén, quizais, que o fixese desa forma tan persoal e directa".

E é que Antón Fraguas, segundo o académico, recuperou "a voz do pobo", xa que "chegou no momento preciso para recoller os alicerces da nosa cultura, o noso mundo, o mundo campesiño que xa estaba a desaparecer".

"FITO HISTÓRICO" PARA CERDEDO-COTOBADE

Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade, o goberno local xa manifestou que ofrece a máxima colaboración á RAG para acoller os actos que se organicen con motivo desta celebración.

O presidente municipal, Jorge Cubela, amosou "a absoluta felicidade" do municipio pola concesión das Letras Galegas 2019 ao escritor, historiador, etnógrafo e ex presidente do Museo do Pobo Galego Antonio Fraguas Fraguas, nado na parroquia cotobadesa de Loureiro en 1905. "Creo que se trata dun fito histórico para a cultura galega e, por suposto, para o noso concello", salientou.