O escritor Álex Alonso recibirá o premio Lueiro Rey o domingo 15 no Grove

O Salnés
11 de xaneiro 2023

O acto está previsto para as 12.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. 'O estranxeiro', obra do escritor e tradutor vigués, gañou a XXIX edición do premio de novela que está dotado con 3.000 euros e a publicación en Edicións Xerais

Manuel Lueiro Rey
Manuel Lueiro Rey

José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove, e a concelleira de Cultura, Noemí Outeda, presidirán o acto de entrega do XXVIII Premio Manuel Lueiro Rey este domingo 15 de xaneiro a partir das 12.00 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. 

O escritor Álex Alonso recibirá este premio pola súa novela 'O estranxeiro', un traballo no que adapta a obra orixinal de Albert Camus buscando un estilo máis humorístico. O autor suma así un novo galardón ao seu currículo no que destacan o Matilde Bares do Concello de Bueu, dous premios Ánxel Fole e o Torrente Ballester por obras como 'Xénero imperfecto', 'Tempos de bebidas isotónicas e fast food', 'Bullyng' e 'Granito'.

O Manuel Lueiro Rey está dotado con 3.000 euros e a obra será publicada pola editorial Edicións Xerais.

CANTADE TODAS A EITO

Dentro do ámbito cultural, as integrantes do Club de Lectura da Biblioteca Municipal do Grove iniciaba nas últimas horas a actividade 'Cantade todas a eito', unha reunión de mulleres nas que analizan vivencias importantes.

Ao longo de catro días, Atenea García e Diego M. Buceta, as persoas encargadas de orientalas, axudarán ás participantes para rescatar estas historias das súas vidas a partir de diversas dinámicas grupais.