O festival Curtas Armadiña convértese este 2017 en fábrica de cineastas

Poio
06 de novembro 2017

O festival audiovisual Curtas Armadiña 2017 de Poio incorporará este ano, por primeira vez, unha serie de obradoiros gratuitos destinados a todos os públicos nos que se poderán adquirir ferramentas para mergullarse en distintas vertentes do sector audiovisual. O primeiro terá lugar a próxima semana, o 13 de novembo

Actividade do Curtas Armadiña
Actividade do Curtas Armadiña / Armadiña

O festival audiovisual Curtas Armadiña 2017 de Poio incorporará este ano, por primeira vez, unha serie de obradoiros gratuitos destinados a todos os públicos nos que se poderán adquirir ferramentas para mergullarse en distintas vertentes do sector audiovisual. O primeiro terá lugar a próxima semana, o 13 de novembro.

Os tres primeiros obradoiros serán no centro cultural Xaime Illa de Raxó os días 13, 14 e 15 en horario de 19.00 a 21.00 horas. O primeiro, o luns 13, correrá a cargo do director e guionista Vicente Pedreira, que introducirá aos asistentes no proceso de creación dun guión e dirección dun filme.

Ao día seguinte, o martes 14, Diego Abalde será o encargado de achegar ferramentas para crear boas fotografías e tamén exporá a importancia da figura do director de fotografía. O mércores15 o público terá a oportunidade de coñecer máis de preto o proceso de montaxe dun filme da man dos dous condutores dos obradoiros do luns e do martes.

O último obradoiro estará destinado ao público infantil e desenvolverase en tres sesións consecutivas dunha hora o sábado 18 en horario de 10.30 a 13.30 horas. Nel, a rapazada daralle vida á plastilina coa finalidade de que a produtora Illa Bufarda edite despois unha curta experimental.

As inscricións xa poden realizarse a través da sección 'Obradoiros' da páxina oficial do certame. As prazas son limitadas, polo que se recomenda ao público interesado que se anote canto antes

Con estes obradoiros, o festival terá este 2017 a súa edición máis completa e innovadora, ao unirse ás actividades de anos anteriores: sección oficial, medioambiental e animación; coloquios e proxeccións; e premio ao mellor videoclip en galego.