A vixésimo novena edición do Festival Internacional de Jazz de Pontevedra toca ao seu fin. A actuación da banda pontevedresa Mr. River Night Court puxo o broche de ouro a cinco xornadas marcadas por unha música de alto nivel que deleitou ao numeroso e fiel público que acudiu ao longo de toda a semana á Praza da Ferrería para gozar dun dos programas culturais máis asentados do calendario festivo pontevedrés.
De baixar o pano encargouse Mr. Night e a súa banda. Formado en Pontevedra no ano 2018, este proxecto fusiona diferentes estilos musicais como o jazz, blues ou funk, á vez que recibe influencias de músicos e bandas de variados estilos de diversos recunchos do planeta.
A súa actuación foi un espectáculo marcado pola enorme diversidade de composicións orixinais, baseadas en vivencias e sentimentos do compositor Miguel del Río que dan lugar a un estilo moi particular que eles mesmos fan chamar "River Style", un son moi americano feito en Galicia. Unha guinda perfecta para un ciclo que contou con voces da talla de Giselle Jackson, Acantha Lang, Vanessa Collier ou Pablo Patiño "Flor".
Ademais de Miguel del Río e a súa guitarra eléctrica, subíronse por última vez este ano ao escenario do festival de jazz e blues máis importante da provincia Adrián Solla (teclado), Santi MarSan (baixo eléctrico) e Marcos Corbacho (batería).