O filme francés ⿿La lampe au beurre de Yak⿿ gaña o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

Bueu
14 de setembro 2014

'La Fugue', outra produción francesa, acadou o segundo premio, mentres que a brasileira 'Meu amigo Nietzsche' levaba o galardón do público. A mellor curta galega foi '3-1=0'

Entrega de premios no FIC Bueu 2014
Entrega de premios no FIC Bueu 2014 /

A curtametraxe francesa 'La lampe au beurre de Yak' ('A lámpada de manteiga de Yak') obtivo o premio á mellor película na sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC), levándose os 2.000 euros deste galardón. O produtor desta cinta, Julien Féret, destacou os tres anos de traballo que supuxo esta rodaxe que se finalizou en China con protagonistas tibetanos.

O segundo premio do xurado foi para outra fita francesa, 'La Fugue' ('A Fuga') de Jean-Bernard Marlin mentres que o premio do público foi para a produción brasileira 'Meu amigo Nietzsche', que bateu todos os récords ao alcanzar a mellor das puntuacións outorgadas pola audiencia na historia do FIC.

O mellor traballo galego foi '3-1 =0' do realizador Juan Galiñanes, que destacou a importancia dos espectadores que apoian o cine e este tipo de citas culturais.

A coprodución húngaro-belga 'Lágy Esö' foi outra das triunfadoras ao obter os premios á mellor dirección, fotografía e vestiario, ademais do galardón ao mellor actor que recaeu en Daniel Karesztfalvi. A actriz ÿvelyne El Garby Klaï da curtametraxe francesa 'Au sol' obtivo o premio á mellor actriz.

A gala de clausura arrancou coa proxección dun fragmento da película 'O gran dictador' co chamamento á fraternidade de Charles Chaplin e despois proxectouse un vídeo-montaxe que reivindica unha Palestina libre.

Na edición deste ano, preto de 3.000 persoas pasaron entre o luns e o sábado polo Centro Social do Mar.