O Gaiás acolle este sábado o recital da Coral Polifónica de Pontevedra ante o pano creado por Castelao

Pontevedra
28 de novembro 2018

O concerto forma parte das actividades ao redor da exposición ‘Castelao maxistral’, que xa leva máis de 15.000 visitantes para observar por vez primeira en Galicia 'A derradeira leición do mestre'

Pano do Rei David, elaborado por Castelao para a Coral Polifónica de Pontevedra Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

A Coral Polifónica de Pontevedra actuará este sábado 1 de decembro no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela. Trátase dunha ocasión case única de gozar do concerto ao mesmo tempo que se observa un dos panos deseñados por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para a agrupación coral.

Esta tea de carácter ornamental reproduce a figura do Rei David, o monarca músico. Esta obra móstrase en moi escasas ocasións, debido ás grandes dimensións que presenta.

Chega a superar os cinco metros de altitude e achégase aos oito metros de ancho, converténdoa ademais nunha tea de considerable peso. Atópase custodiada no Museo de Pontevedra e foi un traballo realizado polo artista de Rianxo, cando era integrante, cantor, fundador e escenógrafo da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.

A actuación é gratuíta, previa retirada de invitación, e comezará ás 18.30 horas. Esta proposta cultural atópase dentro das actividades programadas con motivo da exposición 'Castelao  maxistral', pola que xa pasaron máis de 15.000 visitantes que puideron ver o icónico lenzo de 'A derradeira leición do mestre', unha obra dedica ao seu amigo Alexandre Bóveda tras o seu asasinato na Caeira.