O goberno provincial quere reforzar a aposta polo Musigal, o circuíto de concertos de música en galego

Pontevedra
16 de xaneiro 2024

O presidente da Deputación, Luis López, e a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias trasladaron aos representantes do sector que terán un papel activo na configuración da iniciativa

Encontro con representantes do tecido musical na provincia Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a intención do goberno provincial de reforzar con máis apoio o Musigal, circuíto de concertos de música en galego nos concellos.

Co obxectivo de comezar a perfilar o contido do programa de difusión da música local en toda a provincia Luis López mantivo este martes un encontro con representantes do tecido musical.

Esta reunión de traballo, na que tamén paticipou a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias, serviu tamén para escoitar as demandas e propostas dos membros do colectivo. "Queremos mellorar as bases coas ideas que teñades porque é un programa que queremos reforzar", asegurou.

O presidente López trasladou aos músicos o compromiso da Deputación coa defensa e promoción da cultura na provincia, unha "área estratéxica" que conta cunha partida de 4,7 millóns de euros no orzamento deste ano do organismo provincial, un 20 % máis que no 2023. 

O obxectivo deste programa é poñer a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega.