O grupo pontevedrés MKP estrea o seu primeiro disco: 'Volver a empezar'

Pontevedra
06 de agosto 2023

Este domingo 6 de agosto estreábase en todas as plataformas dixitais este álbum con sete temas con ritmos marcados polo hip hop. Nunha das cancións colabora Raisha, integrante de The Rebel Spirits. A presentación do disco será o vindeiro domingo 13 no festival urbano O Marisquiño, en Vigo

MKP en concerto
MKP en concerto / MKP

As principais plataformas dixitais estrean este domingo 6 de agosto o primeiro álbum de MKP, grupo pontevedrés que debuta con 'Volver a empezar'. 

Sete cancións integran este traballo marcado polo xénero hip hop e conta coa colaboración de Raisha, integrante do grupo pontevedrés The Rebel Spirits, no tema que dá nome ao disco.

Víctor Pazos encargouse de producir e mesturar todos os temas, gravados en Litium Studio. 

O álbum ofrece un percorrido polos primeiros anos na música dos tres membros que forman MKP: Arrax, Basti e Tami. Os temas recollen temáticas relacionadas cos inicios musicais, a evolución do rap ou a nostalxia por tempos pasados.

A banda leva ano e medio preparando este lanzamento. O primeiro adianto discográfico preséntase como vídeoclip co tema 'Muerte anunciada'. Foi gravado nas inmediacións do centro histórico de Pontevedra, unha cidade que está directamente vinculada á historia dos tres integrantes de MKP e que os marcou musicalmente. 

A presentación pública do álbum será o domingo 13 no festival urbano O Marisquiño, en Vigo, cun concerto durante a tarde na Praza Porta do Sol. 

Todo o deseño gráfico corre a cargo do deseñador Sandro Pereira. A fotografía e o vídeo son obra de Elena Álvarez. Ao longo dos próximos días iniciarase a venda de copias físicas para seguir financiando os seus vindeiros proxectos.