O I Encontro Tradicional Antonio Fraguas renderá homenaxe ás escolas de danza e gaitas de Carballedo

Cerdedo Cotobade
01 de novembro 2023

O Centro Cultural Antonio Fraguas de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, acollerá o vindeiro sábado 4 de novembro o I Encontro Tradicional Antonio Fraguas, que nace coa intención de recordar e homenaxear cada ano a grupos do concello que traballaron e traballan pola cultura tradicional

Presentación do I Encontro Tradicional Antonio Fraguas Concello de Cerdedo-Cotobade

Centro Cultural Antonio Fraguas de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, acollerá o vindeiro sábado 4 de novembro o I Encontro Tradicional Antonio Fraguas, que servirá para render  homenaxe ás escola de danza e gaitas de Carballedo.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o tenente de alcalde, Fernando Vázquez; e membros da Asociación Cultural Os Afoutes do Canón de Pau presentaron este encontro, que nace coa intención de recordar e homenaxear cada ano a grupos do concello que traballaron e traballan pola cultura tradicional.

Este ano, comezan pola sede de Os Afoutes de Canón de Pau, Carballedo, e polas dúas agrupacións da parroquia, a Escola de Danza de Carballedo e a Escola de Gaitas de Carballedo.

Durante toda a xornada, realizarase un Memorial dedicado á Escola de Danza de Carballedo e ao seu mestre fundador Wenceslao Cabezas del Toro “Polo” e á Escola de Gaitas de Carballedo na figura dos mestres Ricardo Portela e Hipólito Cabezas.

Esta homenaxe farase a través dunha exposición de traxes, fotografías e historia destas agrupacións, que permanecerá aberta ao público en horario de 11.00 a 13:30 horas e de 16:30 a 21.00 horas.

Ademaais, a partir das 19:00 horas está prevista a actuación de Os Abrentes de Cerdedo, os Gaiteiros das Rías Baixas e Os Afoutes do Canón de Pau.

Jorge Cubela salientou a importancia da Escola de Danza de Carballedo e da Escola de Gaitas de Carballedo na historia da música tradicional non só no municipio senón en toda a provincia e Galicia e agradeceu "o esforzo e a iniciativa" de Os Afoutes do Canón de Pau en poñer en marcha este Encontro que sirve tamén de  homenaxe reivindicativa de todo o traballo feito polos músicos do concello que "foron quen de rescatar do esquecemento a nosa música non só conservándoa senón elevándoa á súa máxima categoría".

Cubela animou ao público en xeral en achegarse este sábado 4 de novembro a Carballedo.