O jazz e o blues xa reinan na noite pontevedresa

Pontevedra
15 de xullo 2015

Felipe Villar Quartet abriu a edición deste ano do Festival Internacional cun concerto na Praza do Teucro. Esta noite, ás 22.30 horas, Nani García Trío subirá ao escenario desa mesma praza para ofrecer o seu estilo creativo facendo un repaso da súa carreira musical

Festival Internacional de Jazz e Blues 2015: Felipe Villar Quartet
Festival Internacional de Jazz e Blues 2015: Felipe Villar Quartet / Diego Torrado

A praza do Teucro encheuse de público na noite deste martes 14 con ganas de internarse na cita coa música máis intensa que cada ano enche o verán pontevedrés. Comezou o XXIII Festival Internacional de Jazz e Blues coa actuación de Felipe Villar Quartet.

O guitarrista de Vigo acompañado por Fernando Sánchez ao saxo, José Manuel Díaz ao contrabaixo e Max Gómez á batería ofreceu un concerto no que repasou os temas do seu primeiro disco, Home, e do seu novo traballo, Outro. A banda demostrou o seu bo facer sobre o escenario, que o converteu nunha protagonista habitual da escena do jazz galego dos últimos anos.

Durante a noite deste mércores, ás 22.30 horas na Praza do Teucro, outro dos músicos galegos con máis experiencia, Nani García acompañado por Simón García ao contrabaixo e Miguel Cabana á batería realizará un repaso da súa carreira artística na que presentará novos temas. Este emblemático trío mantén o seu estilo particular, que conseguiu renovar o panorama jazzístico galego dende os anos 80.

A partir do xoves 16, os concertos trasladaranse á Praza da Ferrería coas actuacións de Janiva Magness, Terri Lyne Carrington, Ruthie Foster e Virxilio da Silva Quinteto. Todos os concertos son gratuítos.