A Concellería de Promoción Económica, en colaboración coa asociación socio-cultural Inzar, porá en marcha este xoves pola tarde no Gastroespazo do Mercado de Abastos un obradoiro de Teatro Espontáneo "que pretende fomentar entre a cidadanía a necesidade dun cambio social".
Esta iniciativa terá un carácter mensual, celebrándose o penúltimo xoves de cada mes, en sesións de 3 horas que darán comezo ás 20 horas.
A actividade organizarase nunha primeira parte dunha hora de duración dedicada á montaxe e quecemento de actores, músicos e técnicos; e as 2 horas restantes destinaranse á propia representación das historias.
A actividade presenta como obxectivos principais "crear un espazo para o intercambio e a reflexión conxunta, propiciar o encontro e os grupos humanos, potenciar o diálogo social respectando a diversidade, fortalecer o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, e estimular a participación social activa".
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, indicou que con esta iniciativa "pretendemos crear un espazo para poder reflexionar, tomar conciencia e compartir como nos inflúen e como influímos nos cambios sociais, potenciando dende a orixinalidade, novas respostas".