O Múltiple ocupará a cidade con obras de artistas internacionais

Pontevedra
30 de abril 2024

O Pazo da Cultura acollerá, desde o 8 de maio ata o 30 de xuño, unha exposición mixta que forma parte dun proxecto artístico que nace na Facultade de Belas Artes e que se espallará pola Sala Manuel Moldes, pola Fundación RAC e en espazos públicos da cidade coa intención de ofrecer diferentes perspectivas da arte. Ademais, vai desenvolverse un foro teórico con investigadores e artistas os días 9 e 10 de maio na Casa das Campás

Presentación de 'O Múltiple que ocupa o espazo'
Presentación de 'O Múltiple que ocupa o espazo' / PontevedraViva

Artistas punteiros internacionalmente entrarán en contacto con creadores que investigan en Pontevedra en diversos campos artísticos durante os meses de maio e xuño dentro do proxecto que se presentaba este martes 30 no Concello de Pontevedra e que leva por título 'O Múltiple que ocupa o espazo'.

Ana Soler, profesora da Facultade de Belas Artes e directora dun grupo de investigación que reflexiona sobre a arte múltiple, sinalaba que a gráfica do gravado foi evolucionando cara á gráfica de campo expandido, pasando de dúas a tres dimensións.

Con esta idea desenvólvese esta proposta que establece elementos que invaden o espazo coa posibilidade de xerar reflexións sobre a multiperspectiva ou a multiplicación, entre outros conceptos. "A arte contemporánea é múltiple e non unitaria", explica Soler, "centrámonos en todos estes cuestionamentos que teñen que ver coa memoria, co contacto e coa distancia".

Este proxecto financiado por fondos destinados a Grupos de Referencia Competitiva en investigación da Xunta de Galicia promove trasladar á cidadanía a análise que se desenvolve na arte tanto dunha maneira científico-técnica como filosófica-conceptualmente e desde o punto de vista da pragmática artística.

"Se non conmove, se non se fai preguntas non serve de nada telo nos libros. Interésanos sacalo á rúa", explica Ana Soler ao referirse a estas experiencias artísticas que se poderán ver en Pontevedra durante as próximas semanas.

O día 8 de maio inaugurarase na sala de exposicións do Pazo da Cultura unha das mostras desta iniciativa; ao día seguinte será a Sala Manuel Moldes, no campus CREA, e a sede da Fundación RAC, os espazos que acollan as inauguracións doutras dúas mostras.

Ata o 30 de xuño poderán verse obras de, entre outros autores, Esther Pizarro, Elena Jiménez, Víctor Solana, Juan Moro ou Rita de Sousa.

A estas exposicións sumaranse as intervencións en espazos públicos da cidade, ademais de actividades como obradoiros formativos.

As intervencións non só serán no espazo físico senón tamén no ámbito dixital, a través das redes sociais.

Ademais, os días 9 e 10 de maio, a Casa das Campás acollerá un foro teórico coa presenza de artistas e investigadores.

Unha vez finalizado o foro iniciarase o deseño dunha publicación na que se rexistrarán as intervencións para realizar un traballo que se trasladará posteriormente ás bibliotecas con textos das persoas convidadas e as obras que participan neste evento, moitas delas creadas especificamente para un espazo e que xa "non se poden repetir".

Todo o programa pode consultarse nesta ligazón.