O Museo de Pontevedra acaba de recibir en doazón dous cadros do pintor Manuel Abelenda Zapata. Trátase de dous óleos nos que retrata ao seu amigo o escultor Bonome, que é o autor dos marcos de ambos cadros.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e a ata agora propietaria das pinturas, Teresa Vilas Vázquez, asinaron a acta de doazón.
Os cadros doados retratan ao escultor compostelán Santiago Rodríguez Bonome (1901-1995), representado na colección do Museo con cinco esculturas, pero do que non se conservaba no Museo ningunha representación iconográfica. Ambas as dúas obras teñen marcos tallados polo propio escultor, o que engade un valor adicional á doazón.
O autor dos retratos é Manuel Abelenda Zapata (1889-1957), gran amigo do retratado.
Segundo explican dende o Museo de Pontevedra, estas dúas pinturas son dous magníficos exemplos da etapa tenebrista-simbolista que cultiva na década de 1920. Trátase dunha etapa e un xénero que ata agora non estaba representado no conxunto de obras do pintor que forman parte da colección do Museo, agás por un debuxo. Un dos retratos é, moi posiblemente, o que Abelenda expuxo con grande éxito na Exposición Regional de Pintura de Santiago, en 1923.
Os técnicos do Museo tamén sinalan que "o estado de conservación das pinturas é aceptable, aínda que require unha intervención de reparación e limpeza".
O traballo será abordado nas próximas semanas polo equipo de Restauración do Museo. Logo de que se restauren, unha das pinturas pasará a formar parte da exposición permanente que se mostra nas salas do Edificio Castelao.