Aos seus 90 anos de idade, Rafael Úbeda (Pontevedra, 1932) segue a pintar con constancia no seu estudios de Samieira e Madrid. Por iso, entre o medio cento de obras que forman a exposición 'Rafael Úbeda. Expresións cromáticas', atópanse pinturas de gran formato realizadas este mesmo ano.
A mostra inaugúrase o próximo xoves 22 de xuño ás 19:30 horas no Edificio Castelao, e estará aberta ata o 17 de setembro.
A exposición reúne obras realizadas desde a década de 1990 ata a actualidade, principalmente pinturas sobre táboa, pero tamén lenzos e algúns debuxos. A súa comisaria é Pilar Corredoira, que propón un itinerario que afonda naqueles aspectos que estiveron presentes ao longo da súa traxectoria e definen a súa linguaxe.
Corredoira sinala que "se escolleron obras que ilustran con nitidez os seus argumentos estilísticos e que deron lugar a unha pintura de factura recia, situada en parte na contorna dunha linguaxe poscubista, arraigada nuns cimentos que remiten ao expresionismo europeo".
Rafael Úbeda é un artista de dilatada traxectoria internacional, que estudou e realizou traballos artísticos nos Países Baixos, Alemaña, Italia, Israel e Estados Unidos. A súa pintura recolleu, ao longo da súa prolífica carreira, a influencia dalgúns dos principais ismos da vangarda europea.
O título da mostra, 'Expresións cromáticas', remite ás esencias multiformes da obra de Úbeda e á exaltación dunha das grandes calidades que comporta a súa pintura: a "expresividade cromática". Este é un dos principais signos distintivos que cruzará toda a súa obra, desenvolvida en diferentes áreas creativas, como son a pintura, o muralismo, o debuxo ou o gravado.
Nas creacións que forman esta mostra quedan reflectidas as principais preocupacións do artista, entre elas a importancia outorgada á figura humana, distribuída en composicións solitarias ou en grupos; intencionadamente deformada, expresionista. Así mesmo, Úbeda traslada á súa pintura as incertezas, as complexidades da vida, e convérteas en materia plástica, en accións que denotan movemento e actividade.
Na ampla colección de personaxes e elementos que poboan os seus cadros, aparecen artistas circenses, actores, máscaras de entroido e, sobre todo, músicos que tocan diferentes instrumentos, formando grupos ou illados. Úbeda definiuse como "artista sinestésico", porque "intúe cores nos sons e sons nas cores"; á música dedica boa parte das obras presentes na mostra.
Rafael Úbeda Piñeiro é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, doutor en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e catedrático de debuxo. Foi profesor de pintura en escolas superiores de Belas Artes de Madrid, Barcelona, Tenerife e Pontevedra. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios e recoñecementos.
A súa obra está presente en institucións como o Parlamento Europeo (Bruxelas, Bélxica), o Museo Reina Sofía, o European Graphic Art Museum en Heidelberg e o Museum Kunstlerkreises de Nordem, ambos en Alemaña, entre outras. É o autor do mural da Basílica da Anunciación en Nazaret (Israel), de 162 metros cadrados, ademais doutros murais na igrexa dos Milagres de Amil, no Gran Hotel La Toja e no Concello de Pontevedra.
A exposición completarase coa edición dun catálogo en edición bilingüe que reúne reproducións de todas as obras expostas e textos asinados por Pilar Corredoira, comisaria da mostra; María Guzmán Pérez, catedrática de Pintura Contemporánea da Universidad de Granada; polo humorista gráfico e ensaísta Siro; polo compositor Juan Durán; e polo musicólogo e crítico musical José Luis García del Busto.