O Museo de Pontevedra ten previsto inaugurar o xoves 24 de febreiro a exposición que leva por título 'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano. Dúas xeracións de mulleres para a historia de Pontevedra'.
Na súa publicación en Facebook, a institución provincial que depende da Deputación de Pontevedra avanza unha das obras que se poderán ver nesa mostra. Trátase dunha fotografía realizada por Joaquín Pintos, entre os anos 1914 e 1915.
Nese traballo obsérvase unha escena na que Concha e María Mendoza compartían a hora do té cos seus invitados. Trátase dunha imaxe de gran valor documental ao recoller o interior do Palacete das Mendoza a principios do século XX, converténdose nun dos poucos documentos que recolle a decoración interior do inmoble.
Precisamente, este xoves 3 o Museo acolle a partir das 19.30 horas a presentación do libro 'Las 1001 recetas del Palacete de las Mendoza', elaborado por Ángel Arcay Barral sobre as propostas gastronómicas das irmás Concepción e María Mendoza Babiano.
Como indica o historiador José Benito García Iglesias, estas irmás desenvolveron o gusto pola pintura e pola música, convertendo o palacete nun centro cultural e de reunión a través de concertos e faladoiros. Elas, ademais, incluían indicacións para preparar doces apropiados para unha sesión de té, como se ofrece nesta fotografía que permitirá achegarse a dúas xeracións de mulleres que tiveron importancia na historia de Pontevedra.